O Concello do Porriño lanza unha campaña para a detección e prevención da diabetes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Concello do Porriño, a través da concellaría de Sanidade, que dirixe María José Martínez, en colaboración co  Centro Médico O Castro, puxo en marcha unha campaña de sensibilización social sobre a importancia da prevención no diagnóstico da diabetes, coincidindo coa celebración do Día Mundial dedicado a esta enfermidade que en Galicia afecta ao 6,6 por cento da poboación.

“A metade das persoas que padecen diabetes descoñéceno”, explica a edil, “o diagnóstico é o primeiro paso para poder comezar co tratamento adecuado, evitar complicacións e minimizar o impacto persoal e familiar que esta enfermidade leva; polo que desde o Concello consideramos esenciais estas campañas de divulgación e concienciación para que todos os veciños do Porriño poidan dispor de información útil respecto ao diagnóstico, prevención e tratamento desta enfermidade”. 

A diabetes é un trastorno metabólico que se manifesta por elevados niveis de glicosa en sangue. Unha enfermidade silenciosa nos seus inicios que, se non se controla ou pasa inadvertida durante moito tempo, pode dar lugar a complicacións de gravidade. Por todo iso, o vindeiro sábado 15, instalarase un posto informativo na praza Arquitecto Antonio Palacios, onde médicos especialistas facilitarán toda a información respecto desta doenza, e realizarán a proba diagnóstica de maneira gratuíta a todo aquel que así o desexe. Durante a mañá de hoxe, este punto de información xa estivo dispoñible na praza do Concello. Neste sentido cabe destacar, que nesta primeira xornada realizáronse 50 probas de glicosa que arroxaron 2 positivos que, como é habitual, descoñecían padecer a enfermidade.

Aínda que o diagnóstico temperán é parte esencial na loita contra esta enfermidade, non o é menos a prevención. “Dispor dunha correcta información respecto diso é o primeiro paso non só para a detección desta enfermidade, senón para axudarnos a controlala ou previla”, comenta o alcalde do Porriño, Nelson Santos, “tanto iniciativas concretas como esta, como as diferentes actividades de fomento de hábitos de vida saudable que se están desenvolvendo desde a concellaría de Sanidade e Medio ambiente teñen como fin achegar a todos os veciños do Porriño a información e os consellos necesarios para unha mellor calidade de vida”.

E é que, a día de hoxe constatouse que se a idade avanzada, a obesidade e o sedentarismo son factores determinantes para a súa propagación entre a poboación; unha dieta saudable, a actividade física regular, o mantemento dun peso adecuado, así como evitar o consumo de tabaco poden previr ou atrasar a súa aparición e as súas complicacións asociadas.

A esta campaña queren unirse tamén diferentes establecementos hostaleiros do noso municipio, que o vindeiro sábado estarán á vosa disposición para abordar o tema da alimentación para diabéticos, parte importante á hora de controlar e previr a enfermidade. Deste xeito, ofrecerán diferentes receitas aptas para diabéticos, demostrando que existen alternativas á dieta habitual máis saudables pero igual de saborosas. 

Tamén disporan dun posto informativo sobre odontoloxía dirixido a persoas que padecen esta doenza, para achegar información sobre o impacto que esta ten sobre a nosa saúde bucodental.

12 de novembro de 2014 | 11:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.