O Concello de Silleda convoca o XV Concurso de Escaparates de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O Concello de Silleda, a través do departamento de Comercio, vén de convocar o tradicional Concurso de Escaparates de Nadal, que chega á súa décimo quinta edición. Baixo o lema “Nadal en galego”, a convocatoria busca estimular nos comerciantes e empresas do municipio o movemento dos escaparates, demaneira que se dispoñan artísticamente e con sentido publicitario e comercial os produtos que se mostran.

Tambén se busca crear un ambiente máis festivo e que motive aos veciños de Silleda e visitantes a ver e mercar nos comercios locais.

Poderán participar tódolos comerciantes e empresarios do Concello que posúan escaparates de exterior preparados de acordo cas condicións xerais que regulan o concurso.

Ao igual que en anos anteriores, non se esixirá inscrición previa mais, unha Comisión de Admisión determinará qué establecementos entrarán a formar parte do grupo de seleccionados para o concurso final.

Premios

Outorgaránse tres galardóns. Así haberá un primeiro premio , outorgado polo Concello de Silleda, conta con unha dotación económica de 200 euros e diploma, así como cunha cea para dúas persoas por xentileza do Hotel Vía Arxentum.

Concederase tamén un premio ao escaparate máis orixinal e innovador, da man de Espina y Delfín, dotado con 150 euros e un acceso para dúas persoas ao circuito termal do hotel Vía Argentum, por xentileza deste hotel.

Por último haberá un terceiro premio para a proposta máis comercial con exposición do produto, outorgado por ECOS aos seus asociados e dotado con 100 euros, ademais dunha merenda para dúas persoas na cafetería do hotel Vía Argentum.

Para determinar quen participa, a organización anotará aqueles que a partir do vindeiro martes día 9 de decembro teñan os seus escaparates elaborados conforme ós requisitos e merezan ao seu criterio a participación.

O xurado, que estará integrado polo alumnado do Ciclo Superior de Xestión Comercial e Marketing do IES Pintor Colmeiro de Silleda, realizará posteriormente a avaliación observando as propostas previamente seleccionadas.

Uso do galego

As bases recollen que nos deseños ou exposicións deberán ofrecerse detalles alusivos ás festas do momento,con presenza obrigada de produtos de venda do establecemento,sendo libre a temática a empregar. Valorarase tamén o esforzo por renovar os escaparates. A promoción do idioma é outra das novidades introducidas este ano nas bases, incluíndo entre as cuestións a puntuar e o uso do idioma nas mensaxes, como xa se anunciou en días pasados.

Tamén co desexo de dar maior promoción ó comercio do concello, deberán manterse iluminados os escaparates, ata as dez da noite.

Entre os criterios de valoración, segundo recollen as bases do concurso figuran a orixinalidade e innovación, iluminación, e o valor comercial e de exposición do propio produto. Como vén sendo tradicional os premios entregaranse o día 5 de xaneiro de 2015 durante a recepción aos Reis Magos, previa comunicación dos resultados.

Dende o Concello agradécese a participación das empresas e entidades colaboradoras, así como do IES Pintor Colmeiro. As bases serán publicadas nos vindeiros días na web municipal.

20 de novembro de 2014 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.