Non rotundo dos escolares porriñeses á violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Actos contra a violencia de xénero no Porriño

Actos contra a violencia de xénero no Porriño

A través da concellaría de Igualdade e Benestar Social que dirixe Teresa Veloso, en colaboración coa concellaría de Emprego e Formación, dirixida por M. Alejandro Lorenzo, o Concello do Porriño veu desenvolvendo estes días atrás, diferentes actividades con motivo do Día internacional para a eliminación da violencia Contra a muller.

Ademais das Xornadas contra a violencia de xénero que se celebraron o pasado venres no Centro Cultural Municipal, o Concello centrou na educación dos nosos nenos a maior parte da programación, realizándose distintas actividades de sensibilización en varios centros escolares do noso municipio.

Así, os alumnos do CEIP Ribeira do Louro e CEIP Fernández López, a través de varias técnicas manuais, baixo a tutoría de Begoña Lesende e os 9 integrantes do curso de Animación Sociocultural do obradoiro de emprego Porremprego II, foron desenvolvendo e elaborando, escenas e personaxes relacionados coa violencia de xénero; estes traballos facíanse públicos esta mañá no Centro Cultural do Porriño, onde estarán expostos ao público até o 1 de decembro.

Deste xeito, esta mañá quedaba inaugurada esta exposición, que contou coa presenza da concelleira, Teresa Veloso; o concelleiro de Emprego e Formación, M. Alejandro Lorenzo; unha representación dos alumnos participantes e os integrantes do curso de Animación Sociocultural do obradoiro Porremprego II.

Tras o visionado dos  curtos que algúns dos estudantes realizaron e protagonizaron asumindo distintos roles, Begoña Lesende  afirmou que se senten moi orgullosos polo interese e a forma de entender este problema que demostraron os alumnos. Os monitores  afirmaron que “desde un principio quixemos facer algo directo no que eles mesmos expuxesen como ven este tema, sorprendeunos a gran concienciación que teñen en xeral”; precisamente acerca destas prácticas de Porremprego II, M. Alejandro Lorenzo agradeceu aos monitores “o gran traballo que están a realizar, ademais están a participar en distintas actividades, dirixidas a desenvolver unha profesión que ten moito futuro”.

Entre os traballos realizados polos estudantes podemos atopar desde un gran collage, as maquetas de dúas casas nas que se escenifican escenas con e sen violencia; un libro con mensaxes de rexeitamento, murais…; entre os que podemos ler frases como “A violencia non serve”, “Acabemos coa discriminación”, “Fóra os malos tratos”, “A violencia non leva a ningún lado”, “Non aos malos tratos, si ao respecto”…

Doutra banda, ás 11.00 h en Torneiros, alumnos do  IES Ribeira do Louro, CEIP Ribeira do Louro, CEIP Antonio Palacios, ACEESCA e usuarios o Centro de Día; formaban unha gran cadea humana, tras a que grupo de alumnos cantaron unha canción. Tamén se leron manifestos e lemas, nun día no que o non rotundo dos escolares porriñeses á violencia machista foi o protagonista.

25 de novembro de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.