Máis de 100 nenos da Escola Infantil Municipal visitarán mañá a biblioteca de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Un total de 101 nenos e nenas de 2 a 3 anos da Escola Infantil Municipal, acompañados do seu profesorado e persoal auxiliar, visitarán mañá a Biblioteca de Riveira.

Os pequenos visitarán a instalación en dous grupos: un entre as 10 e as 11 horas –aproximadamente- e o outro entre as 11.30 e as 12.30.

Contacontos e Auxóuxeres

A idea é que en quendas de 25 os nenos e nenas vaian visitando a Biblioteca e, logo do percorrido e contacto co mundo dos libros, escoiten un contacontos no denominado “Recuncho dos libros infantís”. Mentres, os outros 25 rapaces estarán no salón de actos do Centro Cultural Lustres rodeados tamén de libros, e gozando coa proxección duns capítulos dos Axóuxeres, e outras pezas que lles farán a visita ás instalacións municipais máis próximas.

A organización da visita á Biblioteca ten un duplo obxectivo pois os nenos e nenas melloran as súas capacidades para viaxar en grupo e coñeceren novos espazos.

Así mesmo, é unha magnífica presentación da Biblioteca como o espazo lúdico onde os sábados de maio e xuño poden vir escoitar contancontos, e tamén levar algunha lectura para que a súa mamá ou papá lle lean ao chegaren á casa.

Esta actividade enmárcase na programación educativa da Escola Infantil Municipal e conta coa colaboración da Biblioteca e o Servizo de Normalización Lingüística dependentes tamén da Concellería de Educación do Concello de Riveira.

27 de novembro de 2014 | 12:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.