Dan comezo no Porriño as xornadas de degustación de petiscos “O Pinchorriño”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Presentación do Pinchorriño

Presentación do Pinchorriño

O salón de plenos do Concello de Porriño acolleu esta mañá a presentación dun evento gastronómico por todos esperado, as IX Xornadas de degustación de petiscos “O Pinchorriño”, á que acudiron o alcalde Nelson Santos; o concelleiro de Comercio, Marcelino Coto; a presidenta de Acipor (Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño), Juana Pérez; a xerente da asociación, Noelia Conde; así como unha representación dalgúns dos establecementos hostaleiros participantes.

Coa presenza dalgúns dos petiscos que se ofrecerán durante os próximos días, Marcelino Coto mostrábase entusiasmado ante “este escaparate que nos serve de fiel reflexo do gran nivel gastronómico que ten Porriño”; e é que tras o éxito de afluencia alcanzado tanto neste evento, como noutros similares levados a cabo no noso municipio, podemos dicir “que seguimos unha boa liña neste sentido” remarcaba o concelleiro convidando a todos os veciños e aos de localidades limítrofes “a gozar destas marabillas” que poderán degustarse desde o venres 7 ata o sábado 29 de novembro, en horario de 19.00 h a 23.00 h.

Juana Pérez mostrouse orgullosa de alcanzar xa a novena edición, destacando que “a xente que vén gozar destas xornadas, tamén repara no comercio local”. Respecto ao éxito que alcanzou Pinchorriño “en parte débese a que os petiscos son gratis con cada consumición, que ademais traen consigo dous premios que se sortearán entre os cupóns cubertos e selados por catro dos locais”. Os dous agraciados no sorteo, poderán gozar dun fin de semana nunha casa rural para dúas persoas.

Noelia Conde explicaba que como novidade este ano “incluímos unha aplicación gratuíta para o móbil -rutappa-, que pode descargarse desde Google Play ou App Store e que nos ofrece distintas rutas, mapa, imaxes do petisco que ofrece cada local participante e entre todas as descargas ademais, sortearase a primeira semana de decembro unha noite no Hotel Balneario Mondariz que inclúe un percorrido termal no Palacio de Auga”. Ao tratarse da primeira vez que inclúen esta aplicación, son conscientes de que pode xurdir algún erro, polo que piden desculpas de antemán.

Pola súa banda, Nelson Santos agradeceu publicamente “a valentía coa que Acipor organiza as súas actividades e o empeño que implican en cada unha delas, sempre velando polo beneficio do comercio local” e quixo destacar “o importante labor do sector hostaleiro en Porriño, que con esforzo e tesón lograron sobreporse á difícil situación que atravesamos”; tamén tivo palabras de agradecemento cara a Marcelino Coto manifestando que “todas as actividades relacionadas coas súas concellarías son sempre un éxito, tanto a Feira Apícola, Festa dos Callos, Pinchorriño ou Destápate, son actividades que atraeron sempre a un gran número de visitantes ao Porriño”.

Este ano ademais do patrocinio do Concello do Porriño, Acipor tamén conta coa colaboración de Ahospor (Asociación de Hostaleiros do Porriño) e Augas de Mondariz.

5 de novembro de 2014 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.