Cores Tourís comproba en Silleda o remate das obras do Plan marco que melloraron tres camiños rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSilleda
A-
A+
Cores Tourís na visita a Silleda

Cores Tourís na visita a Silleda

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se están a executar para a mellora de tres camiños rurais do concello de Silleda dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, Manuel Cuíña, así como o xefe territorial de Medio Rural, Miguel Dubois e os concelleiros Pilar Peón e Luis Juan Arceo.

As obras consisten na mellora do firme de tres pistas municipais: A Bandeira, Escuadro e Bazar. “En todos estes camiños de Silleda, leváronse a o varrido do firme anterior e a mellora do actual con aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor”, explicou Cores Tourís, quen destacou que, en total, melloráronse case 2 quilómetros de lonxitude, cun ancho medio dos camiños de 4 metros.

O investimento destes traballos roldou os 91.000 euros. Para o exercicio 2014-15, o concello de Silleda contará con 162.383 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca do Deza, estase a investir ao longo do presente ano un total de 325.500 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Silleda para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso concreto do concello de Silleda, o investimento superou xa os 603.000 euros, en obras como a mellora da infraestrutura viaria de Graba, Riocalvo, Moa, Santa Mariña, ou Fucarelos, entre outros.

19 de novembro de 2014 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.