Contos de concienciación sobre a solidariedade internacional no IES Piñeiro Manso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Os alumnos do IES Piñeiro Manso gozaron esta mañá do espectáculo “Contos coas mans abertas” da compañía compostelá “A Tropa de Trapo”.

O Concello do Porriño, como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidaridade, achegou aos escolares porriñeses esta proposta músico-teatral na semana en que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as mulleres.

Ao longo do 2014 vinte dos municipios integrados no Fondo Galego recibiron esta proposta cunha exitosa acollida. Este espectáculo, creado por esta compañía para a asociación de concellos e deputacións, está dirixido ao público adolescente ou adulto e baséase en pezas narradas a dúas voces onde a música en directo cobra especial relevancia. Instrumentos como a guitarra española ou o laúde árabe mergullaron aos mozos en historias reais recollidas case todas en primeira persoa. Contos sinceros e próximos que falan do fondo humano que nos une a todos. Sen caer en tópicos sobre a solidariedade e a cooperación, “Contos coas mans abertas” é un espectáculo cheo de esperanza, de humor, de amor, de pequenas loitas e grandes soños.

Mulleres da aldea, cooperantes, guerrilleiros, vacas, inmigrantes ou unha tribo bosquimana foron algúns dos protagonistas das historias coas que Marta Ortiz e Brais Gutierrez, os integrantes da Tropa de Trapo, fixeron reflexionar aos escolares porriñeses.

24 de novembro de 2014 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.