Continúa aberto o prazo para inscribirse no Porriño no obradoiro “Activando o teu futuro”
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Porriño, dependente da concellaría de Mocidade, que dirixe Iria Lorenzo; levará a cabo o próximo 28 de novembro, o obradoiro “Activando o teu futuro”, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar e enmarcado os obradoiros Activa 2014, acordes ao eixo transversal de formación e información da Estratexia Xuventude 2016.
A formación no ámbito da educación non formal é un claro valor en alza e ten unha relación clara na mellora da empregabilidade da mocidade, constituíndo un complemento valioso no campo curricular, tal e como testemuñan os estudos realizados por institucións como a Comisión Europea ou o CXE.
Os obradoiros Activa 2014 nacen como continuación do programa Activa e desenvólvense en oito ámbitos crave, un dos cales se impartirá no noso municipio. Trátase dun monográfico de motivación relacionada co emprego e o autoemprego, que abordará temas como a análise das oportunidades de traballo e competitividade no mercado laboral e achegará ferramentas aos mozos que lles permitan optimizar as súas habilidades e destrezas para a toma de decisións respecto ao futuro ocupacional ou profesional.
O curso, de carácter presencial, impartirase o próximo 28 de novembro, venres, ás 19:00 horas no Centro Cultural Municipal e terá unha duración estimada de dúas horas. A idade mínima para poder participar neste taller é de 16 anos.
Os interesados en participar no obradoiro “Activando o teu futuro”, aínda poden inscribirse ata o luns 24 de Novembro ás 14:00 horas, acudindo ás dependencias da OMIX no Centro Cultural Municipal ou ben a través do teléfono 986 337 624 de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas e os sábados de 10:00 a 14:00 horas.











