COGAMI informa aos empresarios do Porriño sobre os beneficios pola contratación de persoal laboral con discapacidade
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e o Concello de O Porriño organizan unha xornada informativa sobre a responsabilidade social empresarial a través da discapacidade, un seminario que pretende informar ao empresariado dos beneficios por contratar a persoal laboral que ten discapacidade.
O acto, que inicia ás 12:00 horas vai ser inaugurado polo Alcalde de o Porriño, Nelson Santos Argibay, o Xerente da Asociación de Empresarios de O Porriño, David Sobral e o Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.
A continuación, na xornada presentarase o Servizo de Intermediación Laboral que ten COGAMI, e que en Vigo conta cunha base de datos constituída por 5.614 persoas, das que 171 son de O Porriño.
Posteriormente, un empresario da zona vai contar a súa experiencia na contratación de persoal laboral a través do servizo de intermediación laboral de COGAMI, e ademais, falarase dos incentivos á contratación de persoas con discapacidade e de medidas alternativas ás que se poden acoller as empresas. Para finalizar, COGAMI presentará o grupo de empresas de economía social que ten e os proxectos e alianzas no marco da RSE.











