Autorízase a subrogación do arrendamento dunha parcela municipal adxudicada a Construcións Crespo S.A.U.
O Concello do Porriño acordou a subrogación dunha nova entidade no dereito de arrendamento outorgado anteriormente á empresa Construcións Crespo S.A.U. por un prazo de 15 anos, sobre unha parcela de titularidade municipal de máis de 25.000 m2.
O uso e goce deste terreo foi adxudicado a devandita empresa o 31 de Agosto de 2011 por un prazo de 15 anos, coa posibilidade de prorrogalo 5 anos máis. No entanto, en xaneiro deste ano, Construcións Crespo S.A.U. entraba en concurso de acredores aprobándose en sede xudicial o plan de liquidación da empresa; motivo polo cal, o Concello do Porriño deixaría de percibir unha importante contía por este arrendamento.
Tras solicitar os informes pertinentes, o Concello procedeu a autorizar a subrogación contractual á empresa Construcións Fechi S.L. nos mesmos termos que o anterior.
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, apunta que “esta medida permitirá ao Concello recuperar o ingreso de máis de 58.000 euros anuais polo uso desta parcela, o cal supón unha importante cantidade de diñeiro que repercute positivamente nas arcas municipais e por conseguinte, en beneficio e favor de todos os veciños do Porriño, á vez que posibilita o mantemento, incluso o incremento, dos postos de emprego asociados a esta empresa”. Así mesmo, o Concello tratará de recuperar, na medida do posible, o debo que a anterior adxudicataria adquirira e que rolda os 100.000 euros.
Esta subrogación súmase á importante tarefa que vén desempeñando o goberno local para a correcta regulación de ocupación dos terreos municipais por parte de empresas privadas, a fin de que o uso e goce das mesmas reverta beneficios ás arcas municipais, a través de contratos de arrendamento como establece a lexislación vixente.











