A Xunta aproba definitivamente o PXOM de Ribadeo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou hoxe definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribadeo. A conselleira, Ethel Vázquez, visitou hoxe o Concello de Ribadeo, onde mantivo unha reunión co alcalde, Fernando Suárez.
Vázquez Mourelle salientou a importancia de que un concello acade a aprobación do seu plan xeral, posto que isto supón definir como se quere que sexa o pobo de mañá. No caso de Ribadeo, trátase dun planeamento que marcará a ordenación deste concello, cunha superficie de 103,32 km2e unha poboación de case 10.000 habitantes, durante os próximos 18 anos, tal e como explicou a conselleira.
A conselleira salientou que este plan xeral é a ferramenta urbanística que permitirá preservar os valores paisaxísticos, xa que as zonas verdes representan case un 19% máis do que se esixe por lei, ao tempo que potencia as capacidades turísticas.
Ribadeo é un municipio de carácter turístico, entre outros atractivos, pola singularidade da súa paisaxe, polo que o PXOM pretende promover a preservación dos valores culturais e paisaxísticos sen que deixe de ser compatible coa actividade económica.
O planeamento tamén contempla a mellora das comunicacións das áreas urbanas e destas cos municipios veciños. O plan considera unha rede viaria estruturante para este concello, situado no ámbito territorial da dinamización económica que supón a Autovía do Cantábrico.
O documento aprobado hoxe potencia os espazos libres e as zonas verdes, xa que é un municipio moi deficitario neste eido, de feito, o PXOM destina a estes espazos un 18,75% máis que o que esixe a Lei.
O solo rústico é un piar fundamental desta planeamento, posto que representa o 92,62% da superficie, motivo polo que a protección dos valores ambientais, paisaxísticos, culturais e produtivos é un punto estratéxico do plan.
O PXOM contempla a necesidade dun Plan Especial para protexer o contorno da Praia das Catedrais –a redactar polo Concello-, para regular o acceso e as zonas para aparcar. Así, resérvase unha zona de aparcadoiro entre o ferrocarril e a estrada de Barreiros á Devesa. Das dúas zonas que actualmente se utilizan de aparcadoiro, a que contempla o PXOM é a que está regulada e urbanizada, a certa distancia da praia.
O plan xeral tamén conserva e pon en valor os asentamentos rurais mediante o recoñecemento de 126 núcleos rurais, todos existentes, e que son segregados do urbano e coa seguinte distribución parroquial: Arante, Cedofeita, Couxela, Covelas, A Devesa, Ove, Piñeira, Ribadeo, Rinlo, Santalla de Vilausende, Vilaframil e Vilaselán.
O PXOM, tendo en conta 2 núcleos urbanos (Rinlo e Ribadeo) cun notable crecemento demográfico, pretende colmatar e densificar os núcleos máis desenvoltos, evitando o crecemento desordenado, e dotar a estas localidades de zonas verdes e equipamento.
No seguinte cadro indícanse os tipos de solo delimitados no planeamento coas súas respectivas superficies.
|
SOLO |
SUPERFICIE (km2) |
% |
|
TOTAL CONCELLO |
103,32 km2 |
100,00% |
|
SOLO RÚSTICO |
95,70 km2 |
92,62% |
|
ORDINARIO |
0,13 km2 |
0,12% |
|
PROTEXIDO |
95,57 km2 |
92,50% |
|
Forestal |
29,98 km2 |
29,02% |
|
Espazo Natural |
9,55 km2 |
9,24% |
|
Agropecuario |
25,79 km2 |
24,96% |
|
Augas |
8,92 km2 |
8,63% |
|
Infraestruturas |
4,98 km2 |
4,82% |
|
Paisaxística |
8,97 km2 |
8,68% |
|
Costas |
5,09 km2 |
4,93% |
|
Patrimonio |
2,29 km2 |
2,22% |
|
SOLO DE NÚCLEO RURAL |
4,72 km2 |
2,00% |
|
TRADICIONAL |
2,65 km2 |
2,56% |
|
COMÚN |
2,07 km2 |
2,01% |
|
SOLO URBANIZABLE |
0,93 km2 |
0,90% |
|
DELIMITADO RESIDENCIAL |
0,47 km2 |
0,45% |
|
DELIMITADO INDUSTRIAL |
0,37 km2 |
0,36% |
|
DELIMITADO TERCIARIO |
0,09 km2 |
0,09% |
|
SOLO URBANO |
1,97 km2 |
1,91% |
|
CONSOLIDADO |
1,76 km2 |
1,70% |
|
NON CONSOLIDADO |
0,21 km2 |
0,21% |
Concello importante para a Xunta
A conselleira de Medio Ambiente destacou que Ribadeo é un concello importante para a Xunta de Galicia, en xeral, e para o seu departamento en particular, xa que as colaboración e proxectos que este departamento do Goberno galego apoia neste municipio son una mostra do compromiso e da importancia.
Ademais das axudas para a rehabilitación, para a construción do parque de Santa Catalina en Rinlo, do aparcadoiro na rúa Rodríguez Murias e da depuradora de Ribadeo –que agora está en construción o emisario- proxectos que suman uns 25 millóns de euros, a Xunta traballa na redacción dun Plan especial para protexer o contorno da Praia das Catedrais, que virá a desenvolver o Plan de Conservación que se está a redactar e no que considerou fundamental a colaboración institucional e as achega de todos.











