A música dos 80 e 90 regresa á FIG de Silleda no Festival contra o Cancro
A Feira Internacional de Galicia acolle mañá o Festival contra o Cancro, un evento organizado pola Fundación Semana Verde de Galicia co que se pretende apoiar o gran labor levado a cabo desde a Asociación Española contra o Cancro e que forma parte dunha xornada na que tamén se celebrará a I Comida Solidaria da AECC no Deza e diversas actividades de lecer.
A partir das 22.30h no pavillón 1 do recinto comenzarán os concertos do Festival contra o Cancro, para o cal xa se venderon máis de 1.900 entradas, aínda que tamén se poden comprar mañá en despacho de billetes a partir das 21.00 horas.
O Festival contará coas actuacións de 7 grandes artistas da música española que repasarán os temas máis importantes que lles levaron á fama nas décadas dos anos 80-90: Javier Gurruchaga (da Orquestra Mondragón), Pablo Carbonell (líder dos Toreros Muertos), Nacho Campillo (de TamTamGo), Javier Ojeda (de Danza Invisible), Pepe Begines (de Non me pises que llevo chanclas), Bernardo Vázquez (de The Refrescos) e Carlos Segarra (de Los Rebeldes), e tamén o DJ Juan Rivas, cuxo amplísimo repertorio fará que o público non pare de bailar. O fin do evento está previsto sobre as 05.00h.
LIÑAS DE AUTOBUSES E CEA NO RECINTO: Haberá autobuses para acudir ao recinto. O seu número será baixo demanda e un formulario na web do evento permite a reserva previa da viaxe. Este mesmo sistema servirá para reservar a cea esa noite, podendo escoller entre dous menús distintos a un prezo de 15€ cada un, que ofrecerá Airas Catering nos seus salóns do recinto.
FILA CERO: Para as persoas que non poidan acudir aos concertos pero queiran facer unha achega, o Festival contará cunha Fila Cero, cuxo importe íntegro se destinará á AECC. O seu número de conta é, La Caixa, ES 5021002188830200223608 e o seu concepto “Donativo Fila Cero Festival Deza”
PATROCINADORES E COLABORADORES: Nesta iniciativa contan con gran importancia os patrocinadores do Festival, os cales son a Dirección Xeral de Xuventude, Nudesa, Airas Cátering, Grupo Antolín, Staroil, Agapel, El Corte Inglés e o Concello de Silleda, e tamén foi fundamental a colaboración de todos os Concellos de Deza e Tabeirós, que participaron na venda de entradas.
I COMIDA SOLIDARIA DA AECC NO DEZA
Ás 14.30h do mediodía celebrarase a I Comida Solidaria da AECC do Deza, para a cal se venderon 200 entradas, aínda que se poden adquirir mañá na propia comida. O menú, por un prezo de 15€, estará composto por unha sopa, un cocido e sobremesa. Será elaborado con alimentos doados polo comercio de Deza e por parte dun grupo de voluntarios coordinados baixo as directrices da restauradora Ana González. A Fundación Semana Verde de Galicia cederá o local, o mobiliario e o enxoval para a súa degustación.
Ademais, a comida contará con distintas actividades presentadas polo xornalista Fidel Fernán. Levarán a cabo sorteos de agasallos cedidos por comerciantes da comarca e acollerá unha sesión de baile na que actuarán o DJ silledense Sanse, a cantante Sabela, Toñito de Poi e o grupo de Merza Sons da Mina.
INAUGURACIÓN DO CENTRO MULTIAVENTURA
Por outra banda, a xornada acollerá a inauguración do Centro Multiaventura do recinto, da man da empresa TURNATIVA, que tomará como base durante todo o día o pavillón 2 da Feira Internacional de Galicia, e que contará con actividades lúdicas como karting, tirolinas, paintball, touro mecánico, rocódromo, 4×4, buggies, quads e inchables para os máis pequenos da casa.
O Centro Multiaventura, cuxa actividade redundará parcialmente nos ingresos do Festival, estará aberto todos os fins de semana do presente ano.











