A Dirección Xeral de Conservación da Natureza presenta o balance anual do Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán

Verónica Tellado na reunión anual
A directora Xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, asistiu á reunión anual da xunta consultiva do Parque Natural do Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, onde se presentou a memoria de actividades deste espazo protexido correspondente ao 2014.
Entre os meses de abril e setembro, estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) desenvolveron prácticas curriculares, que se centraron na información e documentación sobre especies protexidas do catálogo galego de especies ameazadas, e sobre todo, aquelas presentes no Parque Natural. Así mesmo, realizaron tarefas de monitoreo do ciclo reprodutivo da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) e medidas de protección.
Tellado, explicou que os técnicos do seu departamento traballaron, ademais, na normativa, na identificación e retirada manual de especies exóticas invasoras; en temas de información a visitantes do parque natural no entorno da duna móbil; no seguimento da evolución do sistema dunar en relación aos temporais do pasado inverno; na procura de información sobre o cambio climático, en especies protexidas e invasoras, aplicable ao Parque Natural; e no deseño de actividades de educación ambiental. Ademais de na identificación e catalogación de especies de flora e fauna.
Dentro do marco do Programa formativo en centros de traballo con alumnado de formación profesional específica, traballou o centro educativo IES Arzúa, no que un alumno está a desenvolver na actualidade prácticas externas.
Manter o parque
Por outra banda, a directora xeral de Conservación da Natureza remarcou que se realizaron distintas actuacións destinadas á mellora e mantemento do Parque Natural 2014, centrándose na limpeza das áreas de uso público, incluíndo a retirada de lixo; desbroces de distintas zonas, mantemento e limpeza dos aparcadoiros e das instalacións do centro de visitantes “Casa da Costa”, o Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral-CIELGA; recollida selectiva e manual de lixo derivado da actividade humana nas praias e sistemas dunares.
Verónica Tellado subliñou que con estas labores contribúese a manter o equilbrio ecolóxico de praias e dunas e evítanse afeccións sobre ás poboacións de especies presentes como a píllara das dunas. A recollida de lixo realízase sen empregar maquinaria, de xeito manual e selectivo e, exclusivamente, de elementos alleos ao medio natural, respectando aqueles de natureza biolóxica, especialmente os montóns de algas que desempeñan un valioso papel no mantemento da riqueza ecolóxica destes arenais.
Tamén, leváronse a cabo reparto de pastores eléctricos aos propietarios de fincas e material auxiliar para previr os danos do xabarí nos cultivos agrícolas dentro do Parque Natural.
En relación a accións destinadas á conservación da biodiversidade, procedeuse á protección de hábitats naturais: instalación de peches de protección; seguimento de especies en perigo de extinción como: o galápago europeo e o alcaraván; seguimento de especies vulnerables como a píllara das dunas, balizado de zonas de cría e instalación de parcelas de exclusión. Tamén eliminouse flora invasora sobre hábitats naturais e colocouse unha rede de varamentos.
Por último, nas actividades públicas fixéronse, entre outros, programas de itinerarios guiados por monitores, campañas divulgativas, conmemoracións e publicacións divulgativas.
A directora xeral concretou que, neste ano, a Xunta de Galicia destinou un total de case 81.000 euros a investimentos no parque natural de Corrubedo. Entre outras actuacións púxose en valor os camiños tradicionais e acondicionamento de zonas de ecosistemas con flora e fauna ameazada no Parque Natural, froito do convenio de colaboración entre a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Fundación “La Caixa” en materia de espazos naturais protexidos; acondicionamento do tellado do centro de visitantes; a posta en valor da exposición do Centro de Interpretación do Parque Natural e o reforzo de atención ao público no Parque Natural.
Así mesmo, aceptáronse axudas convocadas no 2013 en materia de conservación dos recursos naturais e o fomento de accións para a poboación local para o desenvolvemento sustentable dos espazos declarados como parques naturais cun total de 90.299,20 euros a partida correspondente para este ano 2014 que ascendeu a 30.738,34 euros, que se destinaron á mellora da área recreativa de Couso-Aguiño; a ruta de senderismo circular en Carreira; a área de lecer Monte Feitieira e o acondicionamento de camiños en Artes.











