200 voluntarios participan nunha xornada de deporte adaptado e discapacidade no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O vindeiro domingo, o Polideportivo municipal do Porriño acollerá unha xornada de deporte adaptado á discapacidade, na que colaboran traballadores voluntarios de Orange e Bosch, xunto a mozos con discapacidade intelectual de asociacións da zona; unha Olimpíada da integración na que a través dunha serie de probas atléticas adaptadas, aos niveis de todos os usuarios, os máis de 200 participantes esperan poder demostrar ao público os seus logros deportivos.

O Concello do Porriño, a través da concellaría de Deportes que dirixe M. Alejandro Lorenzo, colabora coa Fundación Deporte Integra na organización desta xornada deportiva, que, habéndose celebrado xa nas cidades de Madrid, León, Sevilla, Oviedo, Murcia, Salamanca chega ao Porriño este fin de semana nunha nova aposta do concello polo deporte  e a integración.

O  obxectivo destas xornadas é a sensibilización dos traballadores voluntarios na integración social e laboral das persoas con discapacidade; neste sentido, o deporte e a actividade física son un medio perfecto para que a integración social sexa unha realidade e non unha utopía.

O alcalde do Porriño, Nelson Santos, anima a todos os veciños “a gozar dun domingo deportivo xunto a estes campións que teñen o meu maior respecto, pola constancia e o empeño que pon do seu parte para demostrar e pór en alza todos os seus valores”, á vez que eloxia “o gran traballo que realiza a FDI na integración das persoas con discapacidade na nosa sociedade”. 

Lograr a integración global a través do deporte

A Fundación Deporte Integra desenvolve accións de integración para persoas en risco de exclusión social, sobre todo a través do deporte e tamén organiza eventos de voluntariado corporativo no ámbito da discapacidade, a nivel nacional. A FDI Integración Global enfoca todos os seus programas e proxectos a distintos colectivos desfavorecidos como nenos e nenas con calquera tipo de discapacidade, adultos con diversidade funcional, mulleres en situacións desfavorables e persoas maiores de 55 anos; os seus programas están completos de iniciativas para conseguir mellorar de forma notable a autoestima e a integración social destes colectivos. “O noso obxectivo fundamental é lograr a integración global, en todos os niveis, de calquera persoa que teña unha situación desfavorable ou estea en risco de exclusión social”. 

28 de novembro de 2014 | 20:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.