publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un total de 27 mozos de Pazos de Borbén activan o seu futuro laboral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

Un total de 27 mozos asistiron onte ao taller práctico “Activando ou teu futuro” organizado polo Concello de Pazos de Borbén en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia. O obxectivo deste seminario era sensibilizar á mocidade do concello sobre as oportunidades que ofrece o autoemprego ademais de asesorala para unha correcta toma de decisións respecto do seu futuro profesional así como a mellor maneira de atopar un emprego.

Ademais de conceptos tan fundamentais como a construción dun bo curriculum vitae, as redes sociais ou a educación non formal, abordáronse temas como a motivación relacionada co emprego, a análise das oportunidades e a competitividade no mercado laboral ademais de achegar varias ferramentas que permitisen aos mozos optimizar as súas habilidades e destrezas para a toma de decisións no ámbito laboral.

A responsable do taller e da Oficina de Información Xuvenil do Concello de Pazos de Borbén, Isabel Fragueiro, destacou que esta sesión serviu para que os alumnos “sexan máis competitivos profesionalmente e poidan coñecelas nocións básicas relacionadas co emprego, o que lles facilitará a súa inserción no mundo laboral”. Así mesmo engadiu que os seus contidos se centraron “nos perfís que solicitan as ofertas de emprego” e tamén en dar a coñecer os trámites a seguir se se opta polo autoemprego.

Dirixido aos mozos do municipio que desexan incorporarse ao mercado laboral, ben como emprendedores ou por conta allea, esta actividade era totalmente gratuíta e atópase enmarcada no programa “Activa 2014” de laDirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, polo que foi impartida por técnicos da Consellería de Traballo e Benestar.

14 de outubro de 2014 | 12:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.