Riveira executará unha actuación para pavimentar seis rúas distribuídas en tres parroquias do municipio
O Concello de Riveira informa da próxima execución dunha actuación dirixida a pavimentar un total de seis rúas repartidas entre a cidade e outras dúas parroquias do municipio. Concretamente, trátase das rúas Lugo, Abesadas, Mendiño e Sorribas (no casco urbano), o vial que corre paralelo ao CEIP de Frións (en Carreira) e a rúa Cobasa en Aguiño.
O orzamento desta acción múltiple ascende a 76.306,92 euros e o prazo de execución é de dous meses. Está previsto que o pleno ordinario do vindeiro luns se proceda a unha ampliación de crédito co fin da súa posta en marcha.
Deterioradas
Na actualidade, as rúas en cuestión están pavimentadas con aglomerado asfáltico e rexistran un estado moi deteriorado, con importantes baches e zonas disgregadas que redundan no prexuízo da seguridade viaria.
Co fin de mellorar o estado das mesmas, está previsto pavimentalas cunha capa de aglomerado asfáltico en quente tipo D-12 de 6 centímetros de espesor. Ademais, prevese a posta a cota das diferentes tapas de pozos e arquetas existentes.











