Os empresarios de Riveira mostran o seu desasosego pola posta en liberdade de imputados por delitos contra a propiedade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A Asociación de Empresarios de Riveira manifesta que “a recente posta en liberdade de varios imputados por delitos contra a propiedade, perpetrados nas últimas semanas e meses en Riveira, produce unha situación de desasosego entre os comerciantes e hostaleiros de Riveira que resulta doadamente comprensible, porque dado o historial delituoso que acompaña a estes individuos existe a xeral e pública convicción de que proximamente van reincidir na súa actividade criminal. Non se trata de pesimismo, é pura e fría estatística.

Non é este o momento nin o foro adecuados para abrir un debate xurídico respecto a se nestes casos existían ou non indicios para manter a prisión provisional acordada que, por outra parte, sería xa un debate estéril. Pero non podemos resignarnos a ser víctimas do antollo duns elementos antisociais e cumpre pedir a Garda Civil, a Policía Nacional e a Policía Local que incrementen os seus esforzos para manter a seguridade nas nosas cidades con especial atención e vixilancia a estes individuos que, tarde ou cedo, volverán delinquir. Nese momento debemos estar preparados para que non se produzan dúbidas razoables respecto da súa autoría e/ou participación.

Xunto ás forzas e corpos de seguridade, apoiándoos e colaborando en canto sexa preciso, estaremos os empresarios. Á súa disposición poñémonos para seguir os seus consellos e recomendacións e para axudar en canto fose útil á misión que teñen encomendada.

Precisamente, nesta liña, brindan o auditorio para que as devanditas autoridades trasladen as súas indicacións e suxestións para que a loita contra o crime sexa cousa de todos.”

22 de outubro de 2014 | 11:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.