O Porriño vístese de música e humor para continuar a estela das Festas do Cristo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Tras o fin de semana grande das Festas do Cristo 2014, no que decenas de miles de persoas visitaron a nosa localidade, a programación organizada pola Concellaría de Festexos do Concello de Porriño, que dirixe M. Alejandro Lorenzo, continúa esta semana e até o vindeiro domingo 5 de outubro, con diferentes propostas culturais, deportivas e musicais.

Así, mañá ás 22:00 horas na Avenida de Galicia, o guionista e monologuista galego Rober Bodegas porá o broche final a esta edición dos Monólogos do Cristo. Esta actividade que iniciou a súa andaina o pasado ano, conta cunha gran acollida entre o público, que enche as prazas en cada unha destas citas co humor. Este ano foron David Navarro, quen finalmente e a pesar da choiva puido resolver con éxito a súa intervención, e Albert Boira, que volveu encher a praza Arquitecto Antonio Palacios coa súa desenvoltura sarcástico.

A música tampouco faltará mañá na vila do Louro, así, ás 19:30 horas celebrarase o tradicional Encontro Local de Cantareiras e Pandereteiras e Asociacións Culturais de Porriño.

Serán seis as asociacións locais que se subirán ao escenario no Parque do Cristo: Asociación Veciñal O Castelo de Cans, Asociación Cultural de Pontellas, Asociación Cultural A Forna de Budiño, Asociación Cultural Os Penediños de Atios, Asociación Cultural Alba de Torneiros e a Asociación Cultural As Mimosas de Carracido.

1 de outubro de 2014 | 19:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.