O Porriño celebra o Día das Bibliotecas cun obradoiro de sombras chinesas
O vindeiro venres, con motivo do Día da Biblioteca que se celebra cada 24 de outubro, a Biblioteca Municipal do Porriño organiza un “Obradoiro de sombras chinesas para representar un conto tradicional” ao que asistirán os alumnos do IES Piñeiro Manso.
O Día da Biblioteca xorde no ano 1997, da man da Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, apoiada polo Ministerio de Cultura, para conmemorar a destrución da Biblioteca de Saraievo durante a Guerra dos Balcáns en 1992.
A Biblioteca Municipal do Porriño, que continúa sendo unha da biblioteca máis activas de Galicia, súmase cada ano a esta celebración co obxectivo de concienciar á opinión pública da importancia da biblioteca como lugar de encontro de persoas de todas as idades coa cultura e como instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.
Nesta ocasión, os alumnos do IES Piñeiro Manso participarán nun Obradoiro de Sombras Chinesas que impartirá a Asociación de Amigos do Museo Galego da Marioneta; onde deberán cooperar para facer unha adaptación dun conto tradicional para sombras chinesas. Construirán o teatrillo, os personaxes e diferentes elementos da escenografía, cunha metodoloxía cooperativa, práctica, adaptada ás súas características, e, por suposto, lúdica. Un taller que busca crear un espazo de liberdade de expresión a partir do diálogo e da realización de experiencias culturais compartidas.
A Asociación de Amigos do Museo Galego da Marioneta nace no ano 2002 para potenciar as actividades desenvolvidas no Museo Galego da Marioneta en Lalín. Desde a asociación creouse unha biblioteca única no país polo seu especificidade, en cuxos fondos destacan obras de divulgación, de técnicas, de historia, carteis, etc…











