publicidade hoxe

O pleno de Pazos de Borbén aproba solicitar a construción dunha rotonda no alto dos Valos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

A Corporación Municipal de Pazos de Borbén aprobou onte por unanimidade a moción proposta polo Partido Popular a través da cal se solicitará ao Ministerio de Fomento a construción dunha nova rotonda no alto dos Valos, na confluencia dos concellos de Redondela, Mos e Pazos de Borbén. A proposta ten como obxectivo aumentar a fluidez do tráfico e a seguridade viaria nesta zona de alta sinistralidade debida á gran concentración de vehículos particulares e profesionais.

A estrada provincial EP-2702 de Amoedo-Os Valos crúzase coa Nacional N-550 no punto quilométrico 147 da citada vía. Un lugar no que conflúen vehículos procedentes das zonas industriais de Vilar, Arrufana e Puxeiros e súmanse aos que se dirixen a Redondela, Pazos de Borbén e Porriño ademais da gran cantidade de tráfico de vehículos pesados con destino a Ourense, Madrid e Portugal que evitan desta maneira a peaxe da autoestrada AP-9. Segundo datos do 2012, un total de 8.995 vehículos circulan diariamente por este punto converténdoo nun dos “puntos negros” da rede viaria provincial. Unha situación que orixina gran cantidade de situacións de risco tanto aos condutores como aos peóns da zona.

A moción non só expón ante o Ministerio de Fomento, o titular da N-550, a necesidade actual desta infraestrutura senón que adianta as futuras necesidades dos residentes da zona ante a construción da Autovía A-59, entre Vilaboa e a A-57 co enlace cara ao aeroporto de Peinador, así como pola creación de novas zonas de tipo industrial na contorna segundo establécese no Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia.

29 de outubro de 2014 | 20:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.