O Ministerio de Economía e Competividade distingue a Riveira como “Ciudad de la Ciencia y la Innovación”
Riveira acaba de ser nomeada “Ciudad de la Ciencia y la Innovación”. O Ministerio de Economía e Competitividade acaba de facer público mediante resolución da Secretaría Xeral de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación a identidade das novas quince localidades galardoadas con esta distinción, que foi creada en 2010 coa finalidade de “recoñecer ás cidades líderes na creación de vantaxes competitivas grazas á conxunción do capital intelectual e de coñecemento dos seus recursos humanos, con avanzadas infraestruturas locais de forte compoñente científico, tecnolóxico e innovador”.
A este respecto, a recente creación e posta en funcionamento dunha plataforma Web-Xis no marco do programa Riveira Atlántica 2015 (financiado nun 70% con fondos europeos FEDER) e co obxectivo de converter á nosa cidade nunha Smart Village, foi o detonante de que o Concello de Riveira fose merecedor deste recoñecemento, sendo o único municipio da comunidade galega en recibilo este ano xunto coa súa capital, Santiago de Compostela.
Entre 20.001 e 100.000 habitantes
Ademais de Riveira e Santiago, as nomeadas na categoría para municipios de 20.001 a 100.000 habitantes foron Alzira, Ávila, Molina de Segura, Ontinvent, Palencia e Santa Feliú de Llobregat. E entre as de máis de 100.000 habitantes, Alcalá de Henares, Logroño, Mataró, Oviedo, Pamplona, Sabadell e San Cristóbal de la Laguna.
O xurado estivo composto por Jordi Ballart, alcalde de Terrassa; María Luisa Castaño, directora xeral de Innovación y Competitividad; Arturo Criado, director da revista Capital; Juan Ignacio Romero, director xeral de Coordinación de Competencias con las Comunidades Autónomas y las Entidades Locales; e Carlos Totorica, Alcalde de Ermua.
Rede Innpulso
En virtude da distinción, as quince localidades citadas pasan a formar parte da Rede Innpulso (“Red de Ciudades de Ciencia e Innovación”, na que xa había outras 41), o que conleva entre outras vantaxes a promoción da localidade en eventos internacionais vinculados co I+D+i e o desenvolvemento baseado no coñecemento; a consideración preferente de Riveira para a ubicación de instalacións científicas e tecnolóxicas de titularidade ou participación estatal, así como para a ubicación de nodos da rede do Ministerio de Economía de Puntos de Información sobre I+D+i; ou a priorización do municipio para a celebración de congresos e seminarios dos organismos públicos de investigación.











