O delegado territorial da Xunta comprobou o avance das obras de mellora do parque empresarial Área 33 de Silleda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraSilleda
A-
A+
Visita ao políngo industrial Área 33 de Silleda

Visita ao políngo industrial Área 33 de Silleda

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, en compaña do alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, o polígono Área 33 deste municipio para comprobar o avance dos traballos de mellora da competitividade deste parque empresarial.

Estas obras estanse a executar grazas ao programa de apoios municipais para a rehabilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais galegos que puxo en marcha a Consellería de Economía e Industria,

Nesta visita, o delegado territorial estivo tamén acompañado do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial, así como do portavoz do PP da localidade dezana, José Luis Espiño.

Así, investiranse 115.345 euros na renovación de case 9.000 metros cadrados de viais e beirrarúas no parque Área 33, dos cales, o 80%, é dicir, 92.276 foron aportados a través da Consellería de Economía e Industria. “O tramo máis longo de reforma acada os dous quilómetros de longo”, explicou Cores Tourís. Deste xeito, e como explicou Cores Tourís, a actuación beneficia e impulsa a competitividade industrial do concello de Silleda.

O delegado territorial da Xunta resaltou a importancia da orde á que se acolleu este concello e que está a impulsar este ano actuacións en preto dunha decena de parques empresarias da provincia de Pontevedra, xerando postos de traballo e incrementando a competividade do tecido empresarial da comarca. “Deste xeito, colaboramos cos municipios pontevedreses, facilitando a realización de distintas iniciativas cun investimento de máis de 600.000 euros”, explicou.

A través desta liña apóianse diferentes accións que abarcan o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia. Dase así un novo impulso ás administracións locais, con apoios que, para os proxectos individuais, alcanzan ata os 120.000 euros, e que se ven incrementados nun 15% nos casos de consorcios de 2 e 3 municipios.

Así mesmo, e de cara a facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas. Un obxectivo prioritario para o Goberno galego, que desde o 2009 leva destinados preto de 17 millóns de euros a este programa.

Trala finalización dos traballos, sinalou José Manuel Cores Tourís, teranse beneficiado deste programa nos últimos anos 26 concellos diferentes da provincia de Pontevedra, impulsando melloras nas infraestruturas de distintos parques co obxectivo de atraer investimentos empresariais.

16 de outubro de 2014 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.