Máis de 70 postos participarán na Feira Ecolóxica do Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

Esta mañá, tiña lugar no despacho da Alcaldía, a presentación da que será a primeira Feira Ecolóxica do Porriño, na que estiveron presentes o alcalde, Nelson Santos; a concelleira de Medio Ambiente, María José Martínez e Carlos Rodríguez González, propietario da ecohuerta medicinal biolóxica “Leira Os Recunchos” situada en Moreira, no termo municipal de Ponteareas.

Mª José Martínez explicou que “con esta actividade preténdese fomentar o cultivo ecolóxico xa que existe moito interese neste tema e preténdese dar continuidade a esta feira cara ao mes de maio”.

Carlos Rodríguez manifestou que “iniciativas como esta deben impulsarse máis, xa que é unha gran oportunidade para que os artesáns ecolóxicos se poidan dar a coñecer e expor os seus produtos”.

Pola súa banda, o rexedor quixo convidar a todos os veciños a participar desta iniciativa que considera “interesante e que estou seguro de que será todo un éxito, polo que animo a achegarse a preguntar, ver e probar todos estes produtos para unha vida máis saudable” á vez que se declarou, a nivel persoal, un entusiasta dos produtos bio.

A cita será na praza Arquitecto Antonio Palacios, aínda que inicialmente a súa localización era outra, cambio debido ás condicións meteorolóxicas previstas para a tarde do domingo día 2 de novembro. Desde as 10.30 h, poderemos visitar esta feira ecolóxica na que poderemos atopar, repartidos en 72 postos nos que poderemos atopar artesanía (36), produtos de horta e sementes (14), farmacoloxía e plantas medicinais (10), alimentación (11), ademais de degustacións de pan, mel, pizza artesá…

Debido ao recente cambio de hora as actividades adiántanse, deste xeito desde as 12:00 até as 14:00 h desenvolveranse diferentes actividades de artesanía como talla de madeira ou extraccións de mel, amenizadas por “Os Zoqueiros”.

Ás 15:30 h a panadaría Argibay, ofrecerá unha charla sobre as diferentes fariñas, repostaría e panadaría ecolóxica. A partir das 18:00 h, poderemos gozar dun gran magosto popular, con castañas colleitadas na zona. A partir das 18.00 h actuación de “As Cantareiras” e ás 18:30 h sortearanse entre todos os consumidores varias cestas e lotes de produtos ecolóxicos doados polos participantes.

30 de outubro de 2014 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.