Levantamento de actas previas á ocupación dos terreos afectados pola depuradora de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A materialización da futura Estación Depuradora de Augas Residuais de Riveira está cada vez máis próxima pois, de acordo co que recolle o Diario Oficial de Galicia de hoxe, o Centro Cultural Lustres Rivas vai acoller o vindeiro 5 de novembro un acto destinado ao levantamento de actas previas á ocupación definitiva dos bens e dereitos afectados polas obras do colectores xerais e a propia infraestrutura.

Neste senso, tal e como se indica no anuncio oficial, o trámite desenvolverase entre as 9 e as 14 horas e entre as 16.30 ás 19.30 horas na devandita instalación, consonte cun procedemento expropiatorio que recoñece como entidade beneficiaria á sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, S.A..

59 referencias catastrais

A relación de bens e dereitos afectados fora publicada xa no DOG con data 28 de xuño do ano pasado, enumerándose un total de 59 referencias catastrais, que atinxen non só aos terreos nos que se levantará a EDAR, en Couso, senón tamén a bens e dereitos afectados polas obras de instalación de colectores xerais, en lugares como Touro, A Ameixida, Os Areeiros ou A Revolta, entre outros.

Simultaneamente cómpre destacar que dende hai varios días, a empresa adxudicataria da actuación -a UTE integrada por Obras y Servicios S.A. (Copasa) e Passavant España S.A.- está procedendo cos labores de marcaxe previos á acta de replanteo, en puntos de zonas públicas polos que descorrerán estes colectores, tal e como se percibe xa por exemplo na estrada provincial que une Riveira con Aguiño, ao seu paso pola parroquia de Castiñeiras.

Cabe lembrar que a construción da Depuradora foi adxudicada no mes de agosto por un importe de 15,8 millóns de euros polo Ministerio de Agricultura e Alimentación. De igual xeito, adxudicouse por 650.000 euros o contrato de asistencia técnica á dirección das obras, coordinación de seguridade e saúde e supervisión e control medioambiental das obras, a Saitec S.A..

A actuación está cofinanciada polo Ministerio, a través do Fondo FEDER a Unión Europea, e pola Xunta, a través de Augas de Galicia.

20 de outubro de 2014 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.