Un total de 37 hostaleiros do Porriño participan na XXI Festa dos Callos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioO Porriño
A-
A+
Presentación da XXI Festa dos Callos do Porriño

Presentación da XXI Festa dos Callos do Porriño

A céntrica Praza Arquitecto Antonio Palacios acolleu este mediodía a presentación da vixésimo primeira edición da Festa dos Callos, que, enmarcada dentro da programación das Festas do Cristo 2014, celebrarase na nosa localidade o vindeiro domingo 5 de Outubro. O acto contou cun anfitrión de altura no mundo gastronómico, Adrián Díaz, afamado reporteiro do programa culinario “Larpeiros” da TVG.

Ao seu lado o alcalde Nelson Santos, o concelleiro de comercio, Marcelino Coto; o concelleiro de festexos, M. Alejandro Lorenzo; o presidente da asociación de hostaleiros de Porriño AHOSPOR, J. Manuel Fernández, e Noelia Conde, xerente de Acipor.

“Cando me convidaron a este evento non dubidei un momento en deixar a cesta da compra de “Larpeiros” e achegarme ao Porriño”, asegurou Adrián Díaz, “hai dous tipos de callos, os que me gustan e os que me gustan máis. Esta é unha festa tan nosa, Porriño é unha vila fermosa e quero desde aquí convidar a todo o mundo a vir este domingo e degustar a variedade de preparacións deste prato”.

Pola súa banda, o alcalde Nelson Santos, quixo convidar aos veciños a participar “espero gozar desta festa e que todos os veciños do Porriño o fagan tamén, volveremos repetir o éxito da pasada edición baixo as rendas dos hostaleiros locais”, e é que por segundo ano consecutivo, serán os hostaleiros da nosa localidade quen sirvan o vindeiro domingo as racións deste tradicional prato, incrementándose nesta ocasión a participación, pois serán 37 os locais porriñeses que ofrecerán as súas racións callos.

“O ano pasado foi todo un acerto que a organización partise dos hostaleiros do municipio”, comentaba o concelleiro de comercio, Marcelino Coto, quen quixo tamén agradecer a súa presenza Adrián Díaz, “quero agradecer a Adrián que estea hoxe connosco de forma totalmente altruísta, é o mellor representante que pode ter esta festa gastronómica. Tamén agradecer ao Concello e a Noelia Conde, xerente de Acipor, pola súa predisposición a axudar en todas as actividades que organiza o Concello de Porriño”.

Este ano serán moitas e diferentes as preparacións deste prato, cada local achegará o seu toque persoal e poderemos atopar pratos tan variados como a versión vexetariana dos callos porriñeses. Jose Manuel Fernández, en representación dos 37 establecementos participantes, sinalaba que “é un acerto que sexamos os propios hostaleiros quen participemos directamente nesta tradicional festa gastronómica, cada ano somos máis, este ano sumáronse 5 establecementos máis e cada un dos 37 locais participantes prepararaos á súa maneira e co seu toque persoal”.

Os encargados da elaboración deste produto teñen previsto a repartición dunhas 10.000 racións, que poderán ser degustadas nos 37 establecementos participantes en horario de 11.00 h até a media noite.

Unha vez finalizada a presentación, todos os asistentes puideron gozar dunha degustación a modo de adianto do que será o vindeiro domingo 5 de Outubro a XXI Edición da Festa dos Callos do Porriño.

30 de setembro de 2014 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.