Un total de 23 empresas móstranse interesadas en executar o proxecto de recuperación integral do río Arlés
Concluído o prazo de presentación de ofertas, foron un total de 23 as empresas interesadas en acometer o proxecto de recuperación integral do río Arlés e o seu contorno: a última das actuacións pendentes de executar entre as incluídas no plan Riveira Atlántica 2015, que está cofinanciada nun 70% con fondos europeos FEDER.
Cómpre lembrar que o procedemento de contratación é aberto con multiplicidade de criterios de adxudicación e que o orzamento base de licitación desta actuación ascende a un total de 848.475 euros. A obra ten un prazo de execución de tres meses.
O número de ofertas presentadas segue a liña doutras importantes actuacións incluídas no proxecto Riveira Atlántica, que tamén subscitaron o interese de numerosas empresas. Sen ir máis lonxe, a execución do proxecto de reorientación e finalización do Novo Mercado tamén congregou o pasado inverno un total de 23 ofertas durante o período de licitación; mentres que para o Centro Social e de Ocio Saudable de Oleiros presentáronse 31 entidades; e 14 para a construción do paseo do Touro.
A grandes rasgos, o proxecto ambiental que se pretende realizar (e que foi elaborado pola empresa Hidria Ciencia, Ambiente y Desarrollo, S.L.) prevé a creación dunha senda dende a confluencia do río coa estrada DP 71304 e que ao longo de case cinco quilómetros descorrerá paralela ao cauce do río Arlés (tamén chamado Artes e Sanchanás) e estará realizada en materiais respectuosos co entorno.
Outras accións previstas son a limpeza e desbroce na parte máis alta do río, na que se insinuará un percorrido delimitándoo coa colocación de fitos, así como o acondicionamento dos camiños, viais e estruturas existentes no transcurso da senda.
Tamén será creada unha área recreativa con zona de descanso e esparcimento no curso baixo do río e activarase un plan de sinalización, orientación e divulgación do patrimonio natural, etnográfico, cultural e paisaxístico, instalando paneis de situación e acceso, e situando mesas interpretativas ao longo da senda.