Rubén Pintos presentou o seu primeiro libro “El niño de los colores” no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Rubén Pintos na presentación do libro

Rubén Pintos na presentación do libro

“Unha obra que versa sobre a familia, a amizade, o amor… sobre todos eses valores que desgraciadamente se foron perdendo”. Deste xeito definía a súa primeira novela o autor local Rubén Pintos, o pasado martes durante a presentación do seu libro no Centro Cultural Municipal do Porriño.

Nun acto, que como afirmaba a concelleira de Cultura Teresa Veloso, pretendía “valorar e pór en relevo o traballo deste escritor”, o autor disertou sobre a que é a súa primeira incursión no mundo literario.

“El niño de los colores” é unha novela tenra, na que, a pesar de non ser autobiográfica, o autor recoñece moito de si mesmo. “Calquera escritor, escriba sobre o que escriba, ten como referencia esencial a súa propia bagaxe”, explicaba Rubén Pintos.

O escritor compartiu tamén cos presentes o que para el supuxo todo o proceso de creación, “Chorei e rin escribindo este libro. Que escriba un libro non me converte en escritor, o que busco é que o lector, cando lea estas liñas poida sentir o mesmo que eu cando as escribín”, e aproveitou para agradecer á súa familia, e en especial á súa esposa, o apoio e a confianza que depositaron nel durante todo este proceso.

A través das aventuras e experiencias de Marc, neno de doce anos cunha peculiar maneira de percibir as cores, e polo tanto a realidade que o rodea, o autor pretende remover as nosas conciencias evocando sensacións e recordos que todos albergamos pero que, no noso camiño cara á madurez, fomos deixando atrás. Así, el mesmo viuse sorprendido pola súa propia historia e polo que os seus personaxes íanlle mostrando a medida que a trama se desenvolvía, “é como contarte un chiste a ti mesmo, e rirte”, comentaba sarcasticamente.

“El niño de los colores”, publicado pola editorial Seleer atópase xa á venda para goce de todo aquel que queira deixarse envolver desa esencia de inocencia e sorpresa que dun modo ou outro, todos levamos connosco.

11 de setembro de 2014 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.