publicidade hoxe

Riveira acolle unhas xornadas de orientación laboral e motivación emprendedora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira está a organizar a través da súa Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local e o Servizo de Información, Orientación e Prospección de Emprego e en colaboración coa Deputación da Coruña unhas “Xornadas de Orientación Laboral e Motivación Emprendedora”que se desenvolverán durante o mes de outubro en distintas dependencias municipais (Aula CeMIT, Auditorio e Centro Cultural Lustres Rivas).

A primeira das accións formativas, “Ferramentas 2.0 para a procura de emprego”, centrarase na busca de emprego en Internet e nela abordaranse temas como o uso dos portais de emprego, a identidade dixital ou as redes sociais (Linkedin, Facebook, etc.) Para poder inscribirse nela son necesarios coñecementos de informática.

Outra das xornadas programadas: “Procura de Información”, xirará ao redor da busca de información, localización de bases de datos de empresas e buscadores de emprego. Ao igual que para a anterior son necesarios coñecementos básicos de informática.

Para finalizar este apartado a terceira das xornadas tratará aspectos esenciais na busca de emprego: “O Curriculum, a Carta de Presentación e a Entrevista de Traballo”.

As xornadas realizaranse en horario de mañá e terán unha duración de entre 2 e 3 horas, estando a súa impartición a cargo de persoal técnico da Deputación da Coruña.

A última semana do mes xirará ao redor do Emprendemento. Serán dúas mañás completas nas que a creación de empresas e fomento do espírito emprendedor converteranse na temática principal.

29 de setembro de 2014 | 13:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.