Pedro Nimo e María Jesús Gestido triunfan na XVII Carreira Popular de Santa Uxía

Chegada de Pedro Nimo
A XVII Carreira Popular de Santa Uxía que se disputou esta mañá resultou ser un éxito de participación e público, con máis de 1.000 corredores inscritos e centenares de persoas que se deron cita no paseo do Malecón e outras rúas da cidade para contemplar de primeira man o desenlace desta proba deportiva: unha cita organizada polo Concello de Riveira coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, La Voz de Galicia e outras entidades e que contou co aliciente engadido de acoller igualmente o Campionato Galego de 10 Quilómetros en Ruta.
O santiagués Pedro Nimo del Oro, do equipo Dare2b, e María Jesús Gestido Rodríguez, de Gimnástica de Pontevedra, erixíronse nos grandes campións da proba popular, cuns tempos respectivos de 31:01 e de 37:37, respectivamente. En categoría masculina, Nimo foi acompañado no podio por Akka Essaadoui, de S.A. Valmiñor (31:09) e Rubén Caamaño, de C.A. Sar (32:16), mentres que en categoría feminina, Raquel Suárez Pedrosa, de Ría de Ferrol (38:47), e Mela Penas Blanco, de Comesaña (40:13) foron segunda e terceira.
En canto ao Campionato Galego de 10 Quilómetros en Ruta, Pedro Nimo foi igualmente o gañador, seguido de Rubén Caamaño e Jorge Crespo Arias (cómpre ter en conta que non todos os inscritos na proba popular comparecían simultáneamente no certame autonómico). En versión feminina, a vencedora foi Raquel Suárez Pedrosa, seguida de María Soledad Castro Soliño e Ana Belén Losada Pérez.
Categorías inferiores
Ademais da proba absoluta de 10.000 metros, a competición desta mañá deu cabida a outros percorridos con distancias máis curtas. Así, tanto a categoría xuvenil, como cadete e infantil desenvolvéronse sobre un circuíto de 3.000 metros, sendo os gañadores Tariku Novales Quinteiro e Carmen Martínez Martínez (xuvenís), Arturo Ramos Rey e Claudia Blanco Olivares (cadete) e Jorge González Mariño e Iria Rivas Iglesias (infantil).
Os benxamíns e alevíns cubriron unha distancia de 1.500 metros. Na primeira das categorías gañaron Iago Pérez Bravo e Emma Argibay Domínguez; mentres que na segunda o fixeron Daniel Mato Gómez e Deki Mato Gómez.
De igual xeito, houbo outras probas para prebenxamíns (500 metros) e pitugos (300 metros) nas que non se estableceu ningunha clasificación final nin houbo gañadores e vencedores.
Por último, cómpre destacar que os mellores participantes locais desta XVII Carreira Popular foron Juan Antonio Gude Vila e Sabela Pensado Parada.
Agradecemento do Concello
Dende o Concello quérese agradecer aos colaboradores na organización, membros da Policía Local, GAEM, Protección Civil e veciños e público en xeral, o seu apoio e presenza para que a celebración deste evento fose o éxito que resultou ser.











