O Porriño formaliza o convenio de colaboración coa diocese Tui-Vigo para restaurar o retablo de San Sebastián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde do Porriño, Nelson Santos, e a concelleira de Cultura, Teresa Veloso, recibiron o pasado mércores na Casa Consistorial ao párroco da parroquia de Santa María do Porriño, Juan Manuel Pérez, para formalizar o convenio de colaboración entre o Concello de Porriño e a Diocese Tui-Vigo que permitiu a restauración do retablo da capela de San Sebastián.

Esta capela, importante enclave do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, posúe un retablo centenario construído integramente en madeira que desgraciadamente o paso do tempo e o efecto devastador dos insectos foi destruíndo, polo que se fixo absolutamente necesaria unha actuación urxente a efectos de sanear e restaurar esta valiosa peza.Tanto o estado da madeira, como o lacado das súas figuras relixiosas, presentaban un grave estado de deterioración e, tras someterse a un estudo previo diagnosticáronse deformacións, perdas de soporte estrutural, suciedade ambiental, oxidación e desgaste da verniz.

Por todo iso, o Concello do Porriño destinou unha partida de 6000 euros, cantidade que foi aprobada no pleno do mes de xullo, para a súa limpeza e restauración e xestionou a colaboración da Deputación de Pontevedra coa mesma cantidade á recuperación deste retablo considerado Patrimonio Histórico e Cultural.

A día de hoxe, unha vez terminadas as tarefas de restauración, os veciños do barrio de San Sebastián, xa poden admirar na súa capela, como loce novamente este retablo centenario en todo o seu esplendor.

8 de setembro de 2014 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.