O Porriño acomete a canalización do regato Casavella ao seu paso por Atios
O Concello de Porriño, en colaboración cos veciños de Atios e coa pertinente autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, levou a cabo a canalización do regato Casavella na parroquia porriñesa de Atios.
O alcalde de Porriño, Nelson Santos, acompañado do arquitecto municipal visitou o pasado venres a zona para comprobar o estado das melloras realizadas coa execución deste proxecto, co que o Concello dá solución a unha antiga demanda dos veciños de Atios, que tras a construción da autovía Porriño-Tui vían alagadas as leiras particulares próximas ao regato ao perder este a súa canle.
O Concello de Porriño, levou a cabo a apertura da canle deste afluente e a canalización do mesmo para que, unha vez atravese a autovía, desemboque directamente no río Louro sen danar as leiras lindeiras.
Unha segunda fase deste proxecto contempla a construción dunha ponte que cruce o río neste tramo.











