O pleno do Porriño aproba a xestión indirecta do servizo de xestión e organización da piscina municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+

O Pleno da Corporación Local aprobou esta mañá, por maioría absoluta, a xestión indirecta do servizo de Organización e Xestión da Piscina Municipal, a fin de axilizar e simplificar o proceso que permitirá a adxudicación da concesión do servizo por un período de entre 10 e 15 anos.

O Concello trata de dar solución así, coa maior dilixencia e brevidade posible, á situación á que se enfrontan os 17 traballadores das instalacións municipais aos que, debido á situación económica que atravesa a empresa que actualmente presta o servizo e, a pesar de que o Concello do Porriño cumpriu as súas obrigacións con esta de forma puntual, debíanse tres meses e medio de salario.

O Concello do Porriño convocaba recentemente unha licitación polo procedemento aberto e harmonizado de adxudicación de contrato de servizo público por un prazo de 4 anos, para a Xestión e Organización da Piscina Municipal. Durante o período licitatorio presentouse unha reclamación por parte dos delegados de persoal da empresa Gimnasios Pazos Salud y Ocio, empresa que xestionaba até agora o servizo, coa finalidade de que fosen respectados tanto o deber de subrogación de empresa como o pago dos salarios pendentes de abono por parte da empresa aos 17 traballadores da Piscina Municipal do Porriño. Como consecuencia desta reclamación e por motivos de interese público o órgano de contratación decidiu adoptar acordo de renuncia á licitación para a resolución das cuestións expostas pola representación sindical.

Esta concesión dotará á prestación deste servizo dunhas condicións de estabilidade, seguridade xurídica e durabilidade, que garantirán aos 17 empregados das instalacións municipais a continuidade no seu posto laboral e o cobro das nóminas pendentes de pago, así como a posibilidade de poder seguir desempeñando o seu labor en durante un período de 10 a 15 anos máis. Así mesmo, os pregos contemplan un mantemento das taxas co obxectivo de que os usuarios das instalacións non vexan incrementado o custo do servizo.

O alcalde do Porriño, Nelson Santos, quixo agradecer aos traballadores da Piscina Municipal “a actitude de diálogo e consenso que mostraron durante todo este proceso” e asegurou que “a maior preocupación desta Alcaldía desde o primeiro momento foi asegurar a continuidade dos traballadores no seu posto de traballo e garantir que cobren os salarios pendentes de abono o máis axiña posible”.

15 de setembro de 2014 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.