O goberno silledense renova o convenio con Tesouros Novos para a realización de visitas didácticas en Carboeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Sinatura do convenio de renovación

Sinatura do convenio de renovación

O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, asinou hoxe xunto con Xesús Borrageros López, responsable da entidade Tesouros Novos, o convenio para a realización de visitas didácticas ao mosteiro de Carboeiro, que comezaron a prestarse hai varios anos.

Deste xeito continúase coa promoción e difusión do patrimonio cultural de Silleda, “que ten en Carboeiro todo un referente”, sinala o alcalde.

O principal destinatario destas visitas é o público infantil, aínda que tamén poden solicitar as visitas didácticas grupos, anpas, asociacións de tempo libre, empresas ou outras entidades.

A través do convenio de colaboración, que ten unha duración de un ano e que se poderá prorrogar de xeito automático se hai acordo das partes, o Concello comprométese a colaborar co proxecto coa cesión de espazos, información e divulgación do proxecto. A empresa Tesouros Novos, que ten como obxecto da súa actividade a xestión do patrimonio cultural e a didáctica das ciencias sociais, facilitará ao Concello toda información sobre reservas, asistencias…

“Estas visitas didácticas dan a coñecer, sobre todo á poboación escolar, dun xeito ameno e diferente a gran valía do mosteiro románico de Carboeiro”, engade Manuel Cuíña.

10 de setembro de 2014 | 15:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.