O goberno de Riveira investirá máis de 165.000 euros na renovación da rúa da Concha e transversal en Castiñeiras
O Concello de Riveira aprobou en xunta de goberno local un proxecto técnico dirixido a renovar os servizos e a pavimentación da rúa da Concha e dunha vía transversal a esta en Castiñeiras.
Esta actuación comporta un investimento de 165.444,16 euros e ten un prazo de licitación de catro meses. Agora, o próximo paso a dar antes de materializar a obra, que prosegue cos labores de humanización dos distintos núcleos e lugares das parroquias do municipio, é licitar a execución da mesma.
Deterioro
Actualmente tanto a rúa da Concha como a rúa transversal contan cun pavimento de formigón no que se apreza un deterioro significativo en forma de socavóns e disgregacións. Ademais, a rede de abastecemento esta feita en fibrocemento e non hai separativo de augas pluviais e fecais, polo que ambas circulan por un único colector.
Para solucionar estas carencias, o proxecto aprobado prevé no que se refire ao abastecemento de auga substituír a tubaxe existente por outra de polietileno de alta densidade con diámetros de 75 milímetros na rúa da Concha e de 50 milímetros na transversal. Ademais, para o saneamento de fecais disporase un colector de PVC liso de 315 milímetros de diámetro que conducirá as augas ata entroncar coa rede existente e, con respecto ás pluviais, instalarase polo centro da calzada colectores de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro e construiranse sumidoiros sifónicos de formigón prefabricado.
Granito
En canto á pavimentación, preténdese adecuar este espazo á estética xa implementada en rúas lindeiras, de tal xeito que se empregarán lousas de granito de 60x40x8 centímetros combinadas con adoquíns de granito de 33x16x8 centímetros.











