O goberno de Riveira investirá 75.000 euros en dotar de saneamento e pluviais ao camiño que conduce ao cemiterio de Corrubedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira vén de aprobar un novo proxecto técnico en virtude do cal se vai dotar ao camiño do Cemiterio de Corrubedo de novos servizos de saneamento e pluviais, ademais de pavimentar os sobreanchos da calzada e asfaltar un tramo da vía que está en mal estado.

O desenvolvemento desta actuación comporta un investimento de 75.337,69 euros e o prazo de execución son tres meses.

Actualmente, o camiño obxecto do proxecto conta cun pavimento de rodadura con triple rego asfáltico; os sobreanchos están no seu estado orixinal (é dicir, con pavimento de terra natural); non existen cunetas e tampouco rede de saneamento.

Con tal motivo, no que se refire a saneamentos fecais, disporase un colector de PVC compacto de 315 milímetros de diámetro e 378 metros de lonxitude na zona de actuación, ademais de pozos de rexistro.

En canto á rede de pluviais, estará conformada por un colector de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetros e 48 metros de longo (colocaranse arquetas sumidoiros cada 20 ou 25 metros aproximadamente); ademais de 454 metros de cuneta nunha das marxes da vía.

Pavimentación dos sobreanchos

Igualmente, empregarase aglomerado asfáltico en quente tanto para a reposición do pavimento nas zanxas de saneamento e pluviais como para a pavimentación dos sobreanchos, que levarán un tratamento previo a base de zahorra artificial compactada.

Por último, existe un tramo de camiño cuxo pavimento de triple riego asfáltico atópase moi deteriorado, razón pola cal será substituído por outro novo.

29 de setembro de 2014 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.