O Concello do Porriño súmase á homenaxe á profesora Mari Carmen Domínguez

Homenaxe á directora do colexio do Porriño
O alcalde do Porriño, Nelson Santos, asistiu onte á homenaxe que, familia, compañeiros e representantes da comunidade educativa da localidade, renderon á directora do Colexio Santo Tomás, Mari Carmen Domínguez. O rexedor quixo unirse a este acto de homenaxe pola súa xubilación, tras 36 anos de docencia, e dedicarlle unhas palabras de agradecemento polo seu labor, ademais de facerlle entrega dun obsequio de parte do Concello de Porriño en recoñecemento á súa dedicación.
Ao redor das 13:00 horas de onte, Mari Carmen era sorprendida á súa chegada ao centro por todos aqueles que compartiron o seu día a día no ámbito educativo como mostra de recoñecemento ao seu traballo, dedicación e esforzo durante todos estes anos.
Mari Carmen Domínguez é unha desas mestras por vocación que, desde o 1978 dedicou a súa vida a educar e ensinar aos nenos da nosa vila. A súa implicación deixou pegada en todos os que con ela traballaron. Por iso, os seus compañeiros e amigos quixeron render unha sentida homenaxe á “Dire”, como todos a coñecen no centro, cando, tras toda unha vida dedicada ao marabilloso e substancial oficio do ensino, pode ceder a testemuña a outros coa satisfacción do deber cumprido, o traballo ben feito e un recordo indeleble deixado en varias xeracións de porriñeses.











