O Concello do Porriño coloca unha nova placa conmemorativa na casa natal de Antonio Palacios

Placa conmemorativa
A casa natal do arquitecto porriñés Antonio Palacios conta desde esta semana cunha nova placa conmemorativa. O Concello do Porriño, coa autorización dos actuais propietarios José Carlos Avendaño Vázquez e a súa esposa, substituíu a anterior sinalización na fachada do número 24 da rúa Ramón González, por unha nova placa en bronce que reza “Nesta casa naceu o ilustre fillo do Porriño Antonio Palacios Ramilo o 8-1-1874” e inclúe un busto, tamén en bronce, do arquitecto.
Así mesmo, o Concello de Porriño co obxectivo de enxalzar a figura de Palacios e destacar a pegada deixada por este na localidade, sinalizou tamén as catro obras do arquitecto que se erixen no Porriño colocando placas identificativas na Fonte do Cristo, a “Botica nova”, a Casa Consistorial e o Fornelo de San Luís.











