publicidade hoxe

Moscoso reuniu a máis de mil persoas na popular Festa da Chula

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+
Asistentes á Festa da Chula

Asistentes á Festa da Chula

Co respaldo das máis de mil persoas que asistiron este ano, a parroquia de Moscoso, en Pazos de Borbén, celebrou este domingo a súa tradicional festa da “Chula”. En total repartíronse máis de 3.000 unidades deste doce tradicional que ano tras ano, e xa van catorce, vai gañando presenza no mapa de feiras gastronómicas do verán.

Con todo preparado, os primeiros visitantes comezaron a chegar a partir das 11:00 da mañá. Atraídos polo aroma desta sobremesa tradicional, os asistentes congregábanse baixo a carpa de comidas para compartir os primeiros doces e comezar con forzas a xornada. Filloas, tortas e pasteis de todo tipo coroaban uns pratos que corrían de man en man e nos que non faltaba a gran protagonista do día “a chula”.

Ás 13:00 horas comezou o tradicional pregón que este ano corría a cargo de Javier Nogueira, Presidente da Federación Galega de Caza e coñecido entre os seus veciños por enxeñosas “coplillas”. A modo de regueifa e co clásico toque de corneta, os seus versos centráronse na historia de Moscoso e as súas xentes, os seus veciños emigrantes e retornados de Brasil. Un canto ao espírito popular que reinou durante toda a xornada.

A continuación, acompañada polo son das gaitas e tambores arrincou a tradicional comida. Polbo, tortilla, churrasco, paella, empanada e callos enchían agora os pratos dos comensais que se agrupaban como unha gran familia. Tampouco faltou o baile con música en directo, peza crave de toda celebración popular e que fixo que a diversión se prolongase durante toda a tarde.

8 de setembro de 2014 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.