Luz Casal será a gran atracción musical das Festas do Cristo no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioO Porriño
A-
A+
Presentación do concerto de Luz Casal no Porriño

Presentación do concerto de Luz Casal no Porriño

Con máis de 6 millóns de discos vendidos e numerosos recoñecementos ao longo da súa carreira,  Luz Casal, unha das artistas con maior proxección  da música do noso país, chegará a Porriño o 19 de Setembro nun concerto enmarcado dentro da programación das Festas do Cristo 2014.

Esta mañá o alcalde de Porriño, Nelson Santos, o concelleiro de Festexos, M. Alejandro Lorenzo, e o representante da produtora Deluxe, Iñaki Teixeira, presentaban  na casa consistorial este evento único.

O concelleiro de Festexos, M. Alejandro Lorenzo mostrábase  satisfeito “Do mesmo xeito que o ano pasado  tivemos a ocasión de recibir a Javi Mota, Jorge González e Paco Arrojo de La Voz, este ano poderemos gozar da voz privilexiada de Luz Casal, é un orgullo poder contar cunha artista deste nivel  nun concerto que estamos seguros será todo un éxito”.

Pola súa banda, o alcalde quixo resaltar a importancia deste evento musical, a pesar de non ser o único dentro da programación deste ano, e destacar os valores da artista “Independentemente de que a súa proxección artística é incuestionable, a súa proxección humana vai moito máis alá, por iso síntome encantado de poder contar cun concerto deste nivel no Porriño”, apuntou o rexedor.

Así, o venres 19 de setembro ás 22:00 horas, o Polideportivo municipal será escenario desta cita musical, onde Luz interpretará temas de sempre e cancións do seu recente álbum “Almas Gemelas”. As entradas,  a un prezo de 8 euros, poderanse adquirir no Concello de Porriño e no Centro Cultural Municipal. Algunhas reservaranse para a súa venda en despacho de billetes.

Sen dúbida, unha cita ineludible co rock cálido que, acompañado dunha magnífica posta en escena, cumprirá con fartura as expectativas xeradas coa visita de desta artista ao municipio.

5 de setembro de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.