Desbloquéase o expediente para a construción dun vial entre Fafián e o cemiterio de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+

O Concello informa de que neste mes de setembro quedou desbloqueada a obra para aperturar un novo vial de dobre carril entre o lugar de Fafián e a rúa Cristóbal Colón á altura do cemiterio municipal de Riveira.

Esta actuación, que entraña tamén a instalación de servizos urbanos, quedara paralizada na pasada primavera como consecuencia da defunción en marzo do propietario e administrador único da empresa adxudicataria, Aldasa, SLU. 

Rescisión

A xunta de goberno local procedeu en sesión do pasado 11 de setembro á rescisión do contrato e incautación da fianza, ao tempo que se abriu un novo expediente de contratación. Agárdase que no prazo dun mes sexan visibles xa os labores a pé de obra e que a actuación estea concluída antes de final de ano.

Cómpre lembrar que esta actuación foi concibida para dar continuidade á circulación de vehículos e solucionar así os relativamente frecuentes problemas de tráfico producidos polo feito de que os coches teñen que dar forzosamente a volta fronte ao camposanto, que se erixe así nun fondo de saco.

A zona de calzada proxectada vai contar con dous carrís de circulación. O firme estará formado por unha base de zahorra artificial de 35 centímetros de espesor sobre o que se estenderá unha capa de 15 centímetros de espesor de bituminosa en quente tipo D-12. Ademais, instalaranse beirarrúas en ambos marxes cunha anchura de 1,50 metros.

Debido ao desnivel existente entre o camiño de pés que alí existía e fincas colindantes, foi necesario construír un muro de contención de 64 metros de lonxitude e unha altura variable que irá dende os 5,20 aos 4,50 metros. Esta estrutura está feita de formigón armado.

En canto aos servizos, o vial contará cunha nova liña de abastecemento consistente nunha tubaxe de fundición dúctil de 95 metros de longo e 150 milímetros de diámetro; para o saneamento disporase unha tubaxe de PVC compacto de 118 metros de longo e 315 milímetros de diámetro; e en canto á pluviais haberá unha tubaxe de PVC corrugado de 118 metros e 315 milímetros de diámetro.

Por outra parte, dotarase á zona de cinco novos puntos de luz e unha liña de alumeado de 90 metros.

25 de setembro de 2014 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.