publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cursos de baile e cociña infantil en Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

A Casa da Cultura de Nespereira, no Concello de Pazos de Borbén, acolle a partir de mañá tres novos cursos para todos os seus socios e veciños interesados. Trátase de dous cursos de baile, moderno e de salón, e dun curso de cociña infantil. Todos os ciclos teñen un custo de 15 euros ao mes e a matrícula permanecerá aberta até esgotar as prazas dispoñibles.

O primeiro dos cursos, que comeza mañá, está dirixido aos amantes do baile moderno en todas as súas modalidades, hip-hop, jazz, funk e ritmos latinos. Este estilo de danza xorde da fusión de diferentes ritmos e influencias, e caracterízase por ser aberto e innovador. Indicado para a iniciación de nenos, nenas e mozas nos movementos de baile e na mellora do ritmo corporal. As clases terán lugar todos os mércores de 18:00 a 19:30 horas para os menores de 15 anos e de 20:00 a 21:30 horas para o resto.

Para os que prefiran os estilos de baile máis tradicionais está dispoñible o taller de Bailes de Salón, unha actividade que nos permite diferentes posibilidades dependendo dos obxectivos, motivación e condicións de cada parella. Este taller ofrece a posibilidade de dar a primeira lección de forma totalmente gratuíta para que os interesados comproben se é a actividade que máis se axusta aos seus intereses. As clases impartiranse os sábados en horario de 19:00 a 20:30 horas.

Por último, para os máis pequenos ofrécese un taller de cociña infantil no que os nenos aprenderán a cociñar toda clase de pratos. Este curso pretende ensinar aos pequenos a importancia dunha alimentación sa e equilibrada ademais de inicialos no mundo culinario dunha maneira divertida. Este taller celebrarase todos os mércores desde as 16:00 até as 17:30 horas.

Os interesados en recibir máis información ou realizar a matricula en calquera dos tres cursos poden facelo a través dos números de teléfono 986 125 911 e 671 659 204.

30 de setembro de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.