Conforocio xestionará o Servizo Lúdico Educativo de Silleda o vindeiro curso escolar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de adxudicar á empresa Conforocio Consultora, de Pontevedra, a xestión do programa do Servizo Lúdico Educativo do Concello de Silleda, para o vindeiro curso 2014-2015.

Ao proceso de adxudicación presentáronse tres empresas, con propostas que foron valoradas na Mesa de Negociación. A oferta de Conforocio, cun prezo de 34.412 euros, foi a que acadou unha maior puntuación logo da baremación en base a criterios coma a dispoñibilidade de monitores/as, e cuestións do programa educativo da proposta.

O servizo comezará a prestarse o vindeiro mércores día 10, como vén sendo habitual no CEIP de Silleda, en horario de 15.00 a 21.00 horas.  No CEIP da Bandeira ofértanse soamente os campamentos de Nadal e verán, sempre e cando se acade un mínimo de 25 inscricións.

No caso dos campamentos de Nadal e de verán o horario amplíase con servizo pola mañá (será de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas).

Reunión o vindeiro luns

O pasado venres día 29 rematou o prazo de inscrición para o alumnado neste servizo, con todas as prazas xa cubertas e varios casos en lista de agarda.  

O vindeiro luns día 8 a concelleira de Educación de Silleda, Mª Pilar  Peón, manterá na Casa da Cultura de Silleda, ás 21.00 horas, un encontro cos pais e nais dos nenos e nenas que se inscribiron neste servizo, no que estarán  tamén responsables de Conforocio, a firma encargada da xestión. Neste encontro procederase á presentación do novo equipo que se encargará das actividades e tamén se resolverán as dúbidas ou outras cuestión que poidan plantexar os proxenitores.

4 de setembro de 2014 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.