publicidade hoxe

Belén do Campo e o alcalde de Sada analizan os traballos para acondicionar o albergue da Mariña Española de Gandarío

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaSada
A-
A+
Belén do Campo na reunión co alcalde de Sada

Belén do Campo na reunión co alcalde de Sada

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantivo esta mañá un encontro de traballo co alcalde de Sada, Ernesto Anido, co que analizou os traballos que se están a levar a cabo para acondicionar o albergue da Mariña Española de Gandarío, de xeito que durante os vindeiros tres meses poida acoller aos alumnos do colexio de Educación Infantil e Primaria Sada y sus Contornos, que deberán ser recolocados por mor das obras de ampliación do centro que se están a levar a cabo na actualidade.

Nesta liña, Do Campo e Anido analizaron a posta en marcha do servizo de transporte escolar para os alumnos e alumnas deste CEIP que, en base aos criterios que establece a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, teñan dereito a el. Trátase dunha medida excepcional, que só terá vixencia durante o período no que se prolonguen as obras no centro educativo. Segundo as previsións dos técnicos do departamento autonómico, estas estarán rematadas no mes de decembro.

Por outra banda, o rexedor sinalou que os labores necesarios para proceder ao traslado da actividade docente ao albergue de Gandarío quedarán rematadas nos vindeiros días, polo que o novo curso escolar poderá comezar a vindeira semana dentro da normalidade. Neste senso, Do Campo agradeceu ao responsable municipal a colaboración amosada desde o concello e o intenso traballo realizado para sacar adiante este proxecto que, sen dúbida, “redundará no benestar da comunidade educativa”.

Mellora da intersección na rúa Barrié de la Maza

A máxima representante do Goberno galego na provincia e o primeiro edil aproveitaron tamén a reunión para estudar o proxecto de mellora dunha intersección na rúa Barrié de la Maza, á altura da igrexa e da rúa Párroco Villanueva. Nestes momentos, os técnicos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas están a analizar a proposta presentada polo goberno local para determinar a súa viabilidade e establecer a solución máis apropiada. Segundo coincidiron Do Campo e Anido, a actuación servirá para eliminar os atascos nun dos puntos máis conflitivos do núcleo urbano, no que conflúen tres estradas de titularidade autonómica, provincial e municipal e, deste xeito, mellorar a fluidez do tráfico.

4 de setembro de 2014 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.