As obras de mellora da estrada Oleiros-Corrubedo serán rematadas a vindeira semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaRiveira
A-
A+

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou hoxe as obras de mellora da estrada AC-303 (que comunica os núcleos de Oleiros e Corrubedo, no Concello de Riveira), que se atopan xa na súa fase final co remate da execución da senda peonil prevista para a vindeira semana, sempre que as condicións meteorolóxicas acompañen.

O director, que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, recordou que esta actuación, na que a Xunta inviste máis de 3,1 millóns de euros, ten como finalidade a mellora integral desta estrada ao longo de todo o seu percorrido (8,16 Km). Así, coa actuación ofrecerase unha solución axeitada ás necesidades de cada subtreito, como o ensanche da plataforma, a dotación de espazos destinados á circulación de peóns e a mellora do estado de conservación da estrada.

Un dos principais obxectivos da actuación é dotar a estrada dun itinerario peonil continuo, dende Oleiros ata a entrada da travesía de Corrubedo, que xa contaba en beirarrúas. Tamén as solucións adoptadas para a execución do itinerario peonil son distintas en función das características da estrada en cada subtreito: beirarrúas nas zonas máis edificadas (completándose a urbanización das travesías de Bretal e Olveira), e sendas peonís no resto da estrada, que suman en total 5,6 Km.

Neste sentido, na estrada que bordea o Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán empregouse material como a madeira, atendendo ás recomendacións dadas por Conservación da Natureza. Nestes días estase a traballar na execución desta tipoloxía de senda, tras o que quedaría finalizada a actuación.

Tamén destacou o ensanche que se realizará nos primeiros 3,5 Km (desde Oleiros ata a intersección coa estada provincial CP-3704). Neste tramo a plataforma da estrada contaba cun ancho de pouco máis de cinco metros e foi ensanchada ata acadar os sete, de xeito que se diferencien de forma clara os dous carrís e as beiravías, o que permite unha condución máis cómoda e segura. Como actuación singular, destácase a ampliación da ponte sobre o río Artes no punto quilométrico 0+960.

O proxecto tamén incluíu a rehabilitación do firme nos treitos que precisaban de reparacións: nos 3,5 primeiros quilómetros da estrada e o treito final que conduce ao faro de Corrubedo.

A actuación complétase coas melloras acometidas nos elementos de drenaxe (incluíndo o formigonado de cunetas de seguridade para a drenaxe lonxitudinal), a reposición da sinalización horizontal, a mellora da sinalización vertical e os elementos de balizamento e defensas e a reposición dos servizos afectados.

Dende o punto de vista da seguridade viaria, acometéronse ademais outras actuacións específicas destinadas á mellora de interseccións, habilitando cambios de sentido con carril central.

Estas melloras na estrada Oleiros-Corrubedo (AC-303) beneficiarán a máis de 27.500 veciños do Concello de Riveira.

12 de setembro de 2014 | 12:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.