As artes escénicas chegan ao Porriño co circuíto de Teatro Amador
O teatro volve ao Porriño da man da Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA), en colaboración co Concello do Porriño e Atrezo Teatro. A concellaría de Cultura, que dirixe Teresa Veloso, móstrase satisfeita coa chegada ao municipio do Circuíto de Teatro Amador, no que supón unha posta en valor das artes escénicas e, en concreto do teatro afeccionado, ofrecendo deste xeito a todos os veciños a posibilidade de gozar das propostas escénicas de catro compañías, entre as que se atopa a agrupación local Atrezo Teatro.
Así, o Centro Cultural Municipal acollerá os días 11, 12, 13 e 14 de Setembro, ás 20:30 horas, catro representacións teatrais.
A primeira cita será o vindeiro xoves 11 de setembro da man de Marañao Teatro coa súa obra “Inmortal”, un drama protagonizado por dúas mulleres inmersas nunha viaxe cara á inmortalidade do poder e o poder da inmortalidade.
O venres 12, será a quenda de Nova Escena Teatro coa obra escrita e dirixida por Xoán Carlos Laxe “In Pace”, e o sábado, Max Teatro representará a súa comedia de enredos matrimoniais “Vaia Tropa”.
O broche final porao a compañía local Atrezo Teatro que, o domingo 14 de Setembro, porá en escena “Contos pendurados do arco da vella”, a verdadeira historia de Caperucita vermella, onde a avoíña non é o que parece, pois leva unha dobre vida; o lobito…loba, non é tan fera como nolo pintan e o leñador realmente é un actor en paro.











