AIMEN colabora nun proxecto europeo de I+D+i para construír barcos máis lixeiros e eficientes
AIMEN Centro Tecnolóxico, situado no Porriño, participa nun proxecto de I+D+i orientado a reducir o peso e minimizar a corrosión e os defectos estruturais na construción de barcos. Trátase da iniciativa MOSAIC, cuxo obxectivo final é fabricar buques máis eficientes, con menores consumos de combustible e un mantemento máis económico mediante a introdución de novos materiais na súa fabricación.
O proxecto MOSAIC, cuxo equipo de traballo se reúne hoxe e mañá nas instalacións do Centro de Aplicacións Láser de AIMEN; céntrase en dúas liñas principais de traballo. A primeira é introducir aceiros HSLA (High Strength Low Alloy), que se caracterizan pola súa alta resistencia e baixa aliaxe, en determinados elementos estruturais dos barcos, co fin de reducir o inicio e propagación de gretas nas zonas máis críticas dos buques, constantemente sometidas a esforzos de fatiga.
Por outra banda, esta iniciativa estuda a substitución de elementos estruturais específicos das embarcacións con materiais compostos (composites), cos que se espera achegar lixeireza e gran resistencia mecánica e ante posibles corrosións. De feito, a introdución deste tipo de materiais pode diminuír o peso do buque entre un 10% e un 60%, dependendo do tipo de navío.
Ademais de seleccionar os materiais máis adecuados para conseguir buques máis eficientes, investíganse solucións óptimas para a unión dos diferentes elementos estruturais e verifícase o seu comportamento, principalmente a súa caracterización fronte á fatiga. Neste sentido, AIMEN lidera o estudo da soldadura de aceiros HSLA con tres tecnoloxías aplicadas ao aceiro convencional (soldadura arco, FSW –friction stir welding- e híbrido arco-láser); e os ensaios a escala laboratorio da unión con adhesivos e as híbridas adhesivo-unión mecánica na introdución de composites, apoiándose en cálculo por elementos finitos que representan estruturas reais do buque nas que se substitúe o aceiro por estes materiais compostos.
Consorcio europeo
O consorcio deste proxecto está formado por once socios de seis países europeos, entre os que se atopan estaleiros, empresas de enxeñaría, sociedades de clasificación, universidades e centros tecnolóxicos. Ademais de AIMEN, traballan no desenvolvemento de MOSAIC Estaleiros Navais de Peniche (Portugal), National Technical University of Athens (Grecia), Lloyd’s Register (Reino Unido), as2con (Croacia), CETENA (Italia), Instituto Superior Técnico de Lisboa (Portugal), Fincantieri (Italia), University of Birmingham (Reino Unido), The Welding Institute (Reino Unido) e Danaos (Chipre). O orzamento que manexa o proxecto é superior aos 3,5 millóns de euros e está financiado pola Unión Europea a través do Sétimo Programa Marco (acordo nº 314037).











