A Volta Ciclista a España 2014 percorrerá as rúas do Porriño
A etapa 19 da Volta Ciclista a España 2014 atravesará o Porriño o vindeiro venres 12 de Setembro. Os ciclistas accederán ao centro urbano por Cans, chegando á rúa Antonio Palacios, para virar sentido Tui, cara a rúa Domingo Bueno. Unha vez superado o cruzamento de Salceda de Caselas virarán cara ao Polígono Industrial das Gándaras, para logo incorporarse á antiga N-550 (Cerquido).
Con tal motivo, a Policía Local do Porriño informa que se procederá ao corte do tráfico rodado nas rúas anteriormente apuntadas ao redor das 12:45 horas, permanecendo cortado tamén, no Polígono das Gándaras o tramo que abarca desde a ITV até a rotonda da gasolineira, dirección Cerquido. Tamén se cortarán os accesos da autovía A-55, sentido Tui (saídas da ITV, Salceda de Caselas e Viza). A saída da A-55 sentido Vigo para ir ao Polígono da Granxa ou ao Polígono das Gándaras (bar Lisboa) tamén estará cortada.
O acceso ao polígono da Granxa, poderá realizarse pola saída da A-55 sentido Vigo, saída de Salceda de Caselas, sentido PO-510.
Está previsto que se restableza a circulación con normalidade ao redor das 14:10, dependendo sempre do ritmo do pelotón, permanecendo cortado o tempo imprescindible para garantir a seguridade dos participantes e de todos os cidadáns.
Así mesmo, desde as 10:00 horas e ata que finalice o paso da Volta 2014, queda prohibido estacionar en ambas as marxes da rúa Antonio Palacios (desde o cruzamento da risca, sentido vigo), rúa Domingo Bueno (desde aloques até o cruzamento do cemiterio).
O Concello do Porriño e a Policía Local queren agradecer de antemán a colaboración de todos os cidadáns, para que podamos gozar desta xornada deportiva sen incidentes.











