A tradicional “Festa da Risca” e “Merca na rúa” celebraranse no Porriño o vindeiro domingo
Como vén sendo habitual, o mal tempo non deu tregua obrigando a aprazar dúas das actividades que acollía a localidade o pasado domingo.
Deste xeito, a tradicional “Festa da Risca” que organiza a Comunidade de Montes en Man Común de Santa María do Porriño en colaboración co Concello do Porriño, inicialmente prevista para o pasado domingo, non puido celebrarse por mor da choiva polo que a organización decidiu pospola para o vindeiro domingo 21 de Setembro.
A xornada, que arrincará ás 12:00 horas, estará amenizada polos grupos “Airiños do Miño” e a Asociación Cultural “A Forna” de Budiño. Ademais, desde primeira hora da mañá estará unha “pulpeira” e haberá xogos e animación para nenos e maiores durante toda a xornada.
Por se o mal tempo non dá tregua, a organización instalará unha carpa onde se desenvolverán todas as actividades en caso de choiva.
O mesmo ocorría coa XI Edición da Feira de Oportunidades do Porriño “Merca na rúa” que tivo que suspender a xornada prevista, polo que será tamén o vindeiro domingo 21 de Setembro cando as rúas do centro volvan encherse das mellores ofertas do comercio local.











