A aula móbil da reciclaxe de Sogama visitará O Porriño
A campaña de reciclaxe de Sogama “Separemos ben, reciclaremos mellor” chega ao Porriño continuando co seu labor no ámbito da educación ambiental vinculada á xestión sustentable dos residuos urbanos.
O martes 16 de Setembro, a concellaría de Medio Ambiente que dirixe María José Martínez, pon a disposición de todos a veciños a aula móbil desta campaña, onde monitores especializados serán os encargados de proporcionar a información necesaria de cara a reducir a inxente cantidade de lixo que producimos cada día, ao aproveitamento ao máximo dos produtos mediante a reutilización dos mesmos, e a separar correctamente as distintas fraccións de material, depositando cada tipoloxía no colector correspondente.
Tamén se falará das vantaxes, tanto ambientais como económicas e sociais da compostaxe doméstica, a través do cal se contribúe a incrementar as taxas de reciclaxe e a minimizar as cantidades de refugallos que deben ser sometidas a tratamento finalista.
O lugar elixido este ano será a Praza de San Sebastián, coincidindo co día de mercado local a fin de chegar ao maior número posible de persoas; que poderán informarse durante toda a mañá no punto informativo desta campaña, promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Sogama, que segue contando coa colaboración de Ecoembes e os sistemas integrados de xestión de pilas, uníndose por primeira vez Ecovidrio.
Co obxectivo de promover estes hábitos sustentables e a reutilización de produtos, a concellaría de Medio Ambiente organizará, un ano máis, visitas guiadas á planta de reciclaxe de Sogama en Cerceda.











