Un total de 21 cativos de Riveira participan nun campamento urbano de igualdade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Dende esta semana, un total de 21 nenos e nenas do noso municipio están a participar nun Campamento Urbano de Igualdade promovido conxuntamente polo Centro da Información á Muller (CIM) e os Servizos Sociais.

Con esta acción preténdese buscar alternativas que permitan ás familias continuar coas súas actividades cotiás sen que os seus condicionantes sociais ou económicos supoñan un atranco para optar a estes servizos.

Conservatorio

Os rapaces que están a participar na iniciativa contan con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos e divídense en dous grupos. O campamento ten como punto de encontro o edificio do Conservatorio de Riveira, se ben se compatibiliza con espazos exteriores onde desenvolver actividades lúdico-deportivas.

A educación en valores, o fomento da igualdade, o respecto ao medio ambiente e a promoción da saúde son algúns dos obxectivos que se perseguen cos contidos da acción, que se desenvolverá ao longo do mes de agosto, de luns a venres de 10 a 14 horas.

Ademais, aprenderáselle aos nenos a xestionar as súas emocións e a adquirir recursos culturais con actividades de plástica e animación á lectura, reforzando tamén os contidos educativos impartidos na escola.

Para axudar ao cofinanciamento do proxecto, o Concello solicitou unha subvención á Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia procedente do Fondo Social Europeo, da que está pendente a resolución.

8 de agosto de 2014 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.